A Xunta apoia a mellora da competitividade da peme ourensá Veigas de Sabugueiro a través do programa Agrobiotech

2018-01-25
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou esta mañá a empresa, a primeira galega que cultiva, transforma artesanalmente e comercializa produtos agroalimentarios a partir do sabugueiro
  • Esta aceleradora de innovación, promovida pola Xunta e Tecnópole, apoiou o crecemento de 21 pemes galegas innovadoras dos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e biomasa cun investimento total de 1,2 millóns de euros

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá a empresa ourensá Veigas de Sabugueiro, un proxecto de dous emprendedores galegos para poñer en valor un recurso como o sabugueiro, abundante en Galicia pero moi pouco aproveitado tanto en Galicia como no resto de España.

A micropeme galega, que participou na aceleradora de innovación especializada nos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e biomasa, Agrobiotech Innovación, “é un exemplo de como se pode innovar con éxito dende o rural” apuntou Argerey, en liña cun dos retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) que persegue a modernización dos sectores primarios galegos a través da xeración de produtos innovadores, entre outros.

Argerey destacou a innovación do produto comercializado por Veigas do Sabugueiro, que produce marmelada, licor, xalea e cervexa dun xeito totalmente artesanal a partir da flor e vaga do sabugueiro, baixo a marca comercial Carabuñas. Estes produtos teñen unha gran demanda noutros países de Europa como Alemaña, Suíza, Austria ou Reino Unido. Sinalou tamén que o intenso labor de desenvolvemento destes produtos ten feito merecedora á empresa do Premio Innofórum ao sabor máis orixinal no Fórum Gastronómico da Coruña 2017.

Paso polo programa Agrobiotech Innovación

A empresa ourensá participou en 2017 na segunda edición da aceleradora de innovación Agrobiotech, promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coa Tecnópole. O obxectivo deste programa, no que xa levan participado 21 compañías e no que a Xunta ten investido 1,2 millóns de euros, é potenciar o crecemento de pemes e micropemes innovadoras galegas de tres sectores estratéxicos para Galicia: agroalimentario, biotecnolóxico e biomasa.

O paso de Veigas de Sabugueiro polo programa permitiulle definir unha estratexia de comercialización e un plan de actuación así como redeseñar a súa páxina web (https://carabunhas.com/), co obxectivo de conseguir novos clientes e aumentar as vendas. Actualmente os produtos Carabuñas véndense en arredor de 40 puntos de venta, tanto de Galicia como Madrid e Barcelona, así como na páxina web da compañía.

A segunda edición, que acaba de rematar, acompañou a 10 empresas, que empregan a 86 traballadores, teñen unha facturación de 6,6 millóns de euros, da que o 40% é en mercados exteriores. O seu paso por Agrobiotech ten como obxectivo un mellor posicionamento no mercado e acadar unha maior competitividade. Nun curto prazo de tempo, as empresas participantes abriron 11 novas canles de venta e fixeron máis de 200 novos contactos