Conde aposta por un modelo de investigación aberto e colaborativo para avanzar na transferencia da tecnoloxía

2017-12-12
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na entrega dos III Premios á transferencia de tecnoloxía que impulsan a Xunta e a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC)
  • Os galardoados este ano foron o departamento de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Santiago; o proxecto da spin-off HGBeyond Materials; e a empresa BorgWarner
  • Avoga pola colaboración público-privada no eido da ciencia e a innovación para seguir afondando en novos produtos para poñer a disposición do mercado
  • Froito desta cooperación, Galicia conta con 30 Unidades Mixtas de Investigación que en conxunto dan emprego a 450 profesionais de alta cualificación e mobilizan 94 millóns de euros en proxectos innovadores

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago nos III Premios á transferencia de tecnoloxía que impulsan a Xunta e a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), uns galardóns que son cada ano un escaparate dos resultados máis innovadores na Comunidade. Os premiados nesta ocasión foron o departamento de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Santiago (USC); o proxecto da spin-off HGBeyond Materials, da USC en colaboración co grupo I+D Farma; e a empresa de automoción BorgWarner polo seu traballo co Grupo de Tecnoloxía Enerxética da Universidade de Vigo.

O titular de Economía ratificou ao longo da súa intervención a aposta da Xunta por un modelo de investigación aberto e colaborativo para poder seguir avanzando na transferencia da tecnoloxía ao mercado co obxectivo de que a ciencia se traslade á sociedade dando lugar a novos produtos e servizos. Para iso, destacou a importancia de que o traballo científico que se desenvolve nos laboratorios sexa de interese para as empresas. Así, indicou que estes premios son un modo de difundir este labor e o alcance da colaboración público-privada no eido da ciencia e da innovación.

Froito desta cooperación, están en marcha en Galicia 30 Unidades Mixtas de Investigación que a Xunta apoia e que en conxunto dan emprego a 450 profesionais de alta cualificación, mobilizando un total de 94 millóns de euros en proxectos innovadores.

Conde, así mesmo, puxo en valor os programas da Xunta encamiñados á retención do talento, no que, segundo explicou, reside un dos principais recursos económicos para Galicia. Neste senso, apuntou que as diferentes iniciativas postas en marcha pola Administración autonómica neste ámbito levan permitido a contratación de 300 investigadores e tecnólogos en Galicia e a creación ou mantemento de 430 postos de traballo cualificados. Ademais, 10 proxectos de investigación ao ano beneficiaranse das axudas que contempla o programa Ignicia, dotado con 7 millóns de euros ata 2020 para apoiar o acceso ao mercado de ata 30 iniciativas.

O talento e o coñecemento xerado nas universidades e os centros tecnolóxicos, en palabras de Conde, está á disposición do progreso social e económico, apuntando que a fórmula da I+D+i ten en Galicia un músculo de apoio público e privado que a sustenta.

Os galardoados

O proxecto realizado polo Departamento de Enxeñería Agroforestal da USC, no Campus Terra de Lugo, en colaboración co enxeñeiro de industrias alimentarias, Hiram Varela, acadou o premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada. A través desta actuación ponse en valor un residuo gandeiro, o sangue procedente dos matadoiros, que, a través da súa transformación en fariña de alta calidade, consegue un amplo abano de usos, desde a fabricación de pensos para animais, fertilizantes agrícolas e aditivos alimentarios ata cosméticos, pegamentos, extintores antiincendios e emulsións asfálticas.

Na categoría de pemes, resultou gañadora co premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, HGBeyond Materials Science, unha spin-off nacida na Universidade de Santiago, á que se lle recoñece o traballo realizado no seu primeiro desenvolvemento, unha lente de contacto capaz de liberar fármacos e outras substancias activas na superficie ocular.

Por último, o premio ao mellor caso de éxito de transferencia de tecnoloxía, na categoría de grandes empresas, recaeu en BorgWarner Emissions Systems Spain, filial española da multinacional, con sede en Vigo. A colaboración desta empresa co Grupo de Tecnoloxía Enerxética da Universidade de Vigo permitiu desenvolver unha ferramenta innovadora para o deseño e validación dos sistemas anticontaminación en motores de combustión interna de vehículos que implantará en todas as súas fábricas. O proxecto galardoado consiste nunha ferramenta de cálculo computacional que permite simular o comportamento dos sistemas de redución de emisións contaminantes para vehículos que a empresa fabrica, supoñendo unha vantaxe competitiva importante.