A Xunta destaca que Galicia acadou un retorno de 53,8 millóns de euros a través do programa europeo H2020

2017-11-29
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe en Santiago na inauguración da xornada Infoday H2020 sobre agroalimentación e enerxía
  • Animou aos axentes da innovación á participación nas novas convocatorias desta iniciativa europea

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2017.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe na inauguración da xornada Infoday H2020 retos sociais 2 e 3: Información práctica para propostas en agroalimentación e enerxía na sede da Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) en Santiago, onde destacou a importancia do programa europeo Horizonte2020 (H2020), recordando que se veñen de aprobar os plans de traballo que inclúen as actividades e convocatorias que se financiarán no período 2018-2020.

Os orzamentos do programa Horizonte2020 -80.000 millóns de euros para 2014-2020-, concéntrase nos próximos dous anos, polo que a directora de Gain instou ás entidades galegas a aproveitar esta oportunidade non só como fonte de financiamento, senón tamén como unha oportunidade de internacionalización para os axentes do sistema galego de innovación. Desde a súa posta en marcha en 2014, Galicia acadou un retorno de 53,8 millóns de euros a través de 72 entidades que participaron en 132 actividades (38 delas lideradas por entidades galegas).

Argerey destacou tamén a importancia dos dous retos nos que se centrou a xornada celebrada hoxe, o referido á seguridade alimentaria, agricultura e silvicultura sustentables, investigación mariña, marítima e de augas interiores e bioeconomía; e o reto referente á enerxía segura, limpa e eficiente. De feito, ambos sectores están incluídos entre os retos prioritarios identificados pola Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), a guía que orienta a política de I+D+i da Xunta ata 2020.

Ata a actualidade, entre ambos retos, Galicia obtivo un retorno de 7,7 millóns de euros, un 14% sobre o retorno total obtido pola Comunidade autónoma en todas as áreas temáticas. A directora da Axencia puxo especialmente en valor a participación galega sobre o total estatal no reto social 2, o agroalimentario, que representa un 6,4% do retorno total acadado no conxunto de España. Este dato pon de relevo o alto grao de especialización do sistema de innovación nestes sectores, en palabras de Argerey.

No xornada tamén se presentaron os programas de traballo dos retos 2 e 3 de Horizonte2020 para o período 2018-2020 e se sinalaron diversas recomendacións para a presentación de propostas, ao tempo que se informou sobre os servizos de apoio á participación de pemes no programa comunitario. Por último, expuxéronse casos de éxito de proxectos apoiados por H2020 dentro destes retos.