Feijóo salienta o esforzo e a determinación do sector de compoñentes para, con máis tecnoloxía e innovación, dar resposta ás novas demandas da industria

2017-11-28
  • Asegura que innovar en procesos é hoxe máis que un imperativo para calquera empresa, “porque é coa innovación como se dá resposta ás tres frontes que se lle presentan no seu día a día: o cliente, a competencia e o cambio”
  • Subliña que a Axenda Industria 4.0 segue a ser a folla de ruta da Xunta. “E, neste bienio investiremos 175 millóns para acadar este obxectivo, un 22% máis que no período anterior”, di
  • Refírese á importancia de continuar coa aposta pola formación, para seguir dando resposta aos novos perfís profesionais que demandan as empresas
  • Precisa que en 2018 a Xunta contará cun orzamento de 135 millóns para políticas de formación e orientación laboral

Vigo, 28 de novembro de 2017.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o esforzo e a determinación do sector de compoñentes para adaptarse e dar resposta ás necesidades actuais da industria. “É o que esixe o modelo Industria 4.0”, aseverou, incidindo na importancia de prepararse e anticiparse a todos os cambios que comporta esa revolución dixital na industria para ser máis competitivos.

Durante o acto conmemorativo do 40 aniversario da Asociación de industriais Metalúrxicos de Galicia, Feijóo asegurou que innovar en procesos é hoxe máis que un imperativo para calquera empresa, “porque é coa innovación como se dá resposta ás tres frontes que se lle presentan no seu día a día: o cliente, a competencia e o cambio”.

Nesta liña, recordou que hoxe o cliente busca, entre as múltiples opcións que ten ao seu alcance, as solucións máis especializadas; as empresas compiten por ofrecer un produto e servizo o máis diferenciado posible, dentro dunha rivalidade internacional cada vez maior e cada vez máis próxima; e, en plena era dixital, a tecnoloxía ten ciclos de vida máis curtos.

Fronte a este escenario, subliñou que a Axenda Industria 4.0 segue a ser a folla de ruta do Goberno galego para acompañar as pemes galegas neste obxectivo: con 4.200 empresas beneficiarias, 11.500 novos postos de traballo e 342 millóns de euros de investimento mobilizado desde que hai dous anos se puxo en marcha. “E, neste bienio investiremos 175 millóns de euros para acadar este obxectivo, un 22% máis que no período anterior”, dixo, ao tempo que avanzou que tamén se repetirá a convocatoria do Programa fábrica intelixente.

Así mesmo, referiuse á importancia de continuar coa aposta pola formación, para seguir adecuando os perfís profesionais ao que demandan as empresas; para reciclar a todos aqueles profesionais que van manexar estas novas tecnoloxías en postos laborais onde antes non se facía; e, sobre todo, para facer que o talento flúa entre as empresas e os centros de coñecemento.

Ao respecto, lembrou o investimento de 12 millóns de euros para formar nos vindeiros dous anos 3.000 traballadores do naval; ou o desenvolvemento do plan específico de formación no sector forestal.

Neste mesmo sentido, precisou que en 2018 a Xunta contará cunha partida orzamentaria de 135 millóns de euros para políticas de formación e orientación laboral, co obxectivo de axudar ás empresas e aos traballadores nesta transición no emprego que vén da man da tecnoloxía.

O titular da Xunta concluíu subliñando que saber que Pescanova acaba de adxudicar a un estaleiro con sede en Vigo e Burela o maior contrato naval da pesca galega; que Galicia está participando no megacontrato que, non hai moito, pechou Airbus para construír 430 avións; que a planta PSA en Balaídos vai superar os 500.000 vehículos fabricados en 2018; ou que en Navantia Fene se constrúen estruturas flotantes para os parques eólicos mariños máis grandes do mundo, son uns bos termómetros para medir a evolución da industria galega.