A Xunta avalía con Aclunaga as perspectivas do naval en Galicia e medidas para seguir fortalecendo ao sector

2017-11-27
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza co clúster do naval galego
  • Analizaron ferramentas que afiancen a formación e a innovación do sector co obxectivo de incrementar os investimentos
  • O plan de formación no naval, dirixido á cualificación de 3.000 traballadores, multiplica por cinco o número de cursos
  • Galicia mantén o liderado da construción naval co 38% da carga de traballo realizada en España no primeiro semestre de 2017 que suman preto de 2.900 millóns de euros de investimento

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza co presidente do Clúster do naval galego, Marcos Freire, e outros responsables da entidade, para avaliar as boas perspectivas do naval e medidas para que o sector siga crecendo. En concreto, analizaron ferramentas que afiancen a formación, a innovación e a internacionalización do sector que permitan seguir incrementando os investimentos e, polo tanto, a carga de traballo.

Conde destacou, no eido da formación, que a Xunta está desenvolvendo un Plan de formación específico para o naval ao que se destinan 12 millóns de euros para cualificar a 3.000 traballadores, multiplicando por cinco o número de cursos e o investimento desenvolvido durante 2015. Durante os próximos dous anos apoiarase a cualificación de desempregados e traballadores ocupados cunha oferta de 170 accións formativas que se definen segundo as necesidades do propio sector. Polo tanto, ofrécese formación á carta para as empresas do naval a través de 20 unidades formativas. Os profesionais reciben cualificación específica en novas tecnoloxías vinculadas coa Industria 4.0 a través de organismos intermedios. Esta iniciativa conta coa colaboración dos propios estaleiros, a industria auxiliar e o clúster.

No ámbito da innovación, o titular de Economía sinalou que os apoios da Administración autonómica mobilizaron neste eido 33,2 millóns de euros a través de diversos programas como as convocatorias de Innterconecta e Conecta Peme coas que se apoiaron 19 proxectos de I+D+i dirixidos á mellora de produtos e servizos no naval.

Estas axudas superan os 9 millóns de euros e mobilizan un investimento próximo aos 20 millóns. Tamén destacan as 4 unidades mixtas que apoia a Consellería de Economía, Emprego e Industria que na actualidade suman preto de 11 millóns de euros en desenvolvementos innovadores para I+D+i: o estaleiro do futuro que executa a Universidade da Coruña con Navantia; o desenvolvemento dunha nova xeración de compoñentes navais de Aimen e Wartsila Ibérica, que este ano conta cunha segunda edición; e o proxecto baseado en tecnoloxías intelixentes e flexibles de alta produtividade de Aimen e Factorías Vulcano.

En materia de internacionalización, o conselleiro resaltou as misións comerciais que está a realizar o sector e contan coa colaboración da Xunta para favorecer a súa expansión, uns programas que están tendo moi bos resultados, non só para os estaleiros senón tamén para a industria auxiliar que está aumentando a súa actividade como provedor.

O obxectivo da xuntanza, en palabras de Conde, é seguir avanzando para que o naval galego continúe coas boas perspectivas acadadas ata o de agora: Galicia mantén o liderado na construción naval co 38% de carga de traballo realizado en España no primeiro semestre de 2017. En total, a carga de traballo supón un investimento próximo aos 2.900 millóns de euros. A carteira de pedidos en vigor nos estaleiros da Comunidade suma 24 buques dun total de 60 contratos en España.