A Xunta presenta o polo tecnolóxico e industrial de Rozas ante o principal organismo latinoamericano no ámbito da aviación civil

2017-11-26
  • A Axencia Galega de Innovación, xunto aos socios Indra e Babcock, presentan a Civil UAVs Initiative no marco da asemblea da Comisión Latinoamericana de Aviación Civil como caso de éxito de desenvolvemento do sector dos vehículos non tripulados (UAV) para uso civil
  • Asinou tamén un memorando de entendemento co fin de colaborar con gobernos, reguladores e institucións en materia de formación, asesoramento e identificación de tecnoloxías baseadas en UAVs para unha mellor prestación de servizos públicos

Ushuaia (Arxentina), 26 de novembro de 2017.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou na asemblea extraordinaria da Comisión Latinoamericana de Aviación Civil (CLAC) para presentar o polo tecnolóxico e industrial de vehículos non tripulados (UAV) para uso civil en Galicia (Civil UAVs Initiative) ante representantes dos 22 estados membros da principal organización latinoamericana deste ámbito. Na presentación participaron tamén José Manuel Sánchez Serrano e José Luis Saiz Díaz, directivos de Indra e Babcock, respectivamente, socios estratéxicos da Xunta de Galicia no programa de I+D da iniciativa.

A Xunta foi convidada a participar neste foro para presentar a Civil UAVs Initiative, como un caso de éxito de asociación público-privada no desenvolvemento do sector aeroespacial a través da I+D+i aplicada aos vehículos non tripulados. Ademais, no marco deste encontro, asinouse tamén un memorando de entendemento entre o Instituto Panamericano de Aviación Civil (IPAC), órgano dependente da CLAC orientado á capacitación, consultoría e investigación, e a Xunta para a promoción do uso civil de vehículos non tripulados e o desenvolvemento da industria aeroespacial de UAV en América Latina e o Caribe.

Retos comúns

Patricia Argerey destacou o carácter estratéxico deste programa para Galicia e para España, no que se están a investir 150 millóns de euros entre financiamento público e privado e que persegue mellorar a eficiencia e a eficacia na prestación de determinados servizos públicos a través do uso de vehículos non tripulados no ámbito civil.

Argerey subliñou tamén que as solucións desenvoltas no marco da iniciativa dan resposta a retos globais, comúns aos gobernos e países de calquera parte do mundo, como a xestión de emerxencias, a xestión do territorio e a xestión e control do tráfico aéreo, entre outros. Así mesmo, trasladou a existencia dunha industria galega forte que está participando na iniciativa e que conta con diversidade de produtos ao longo de toda a cadea de valor do novo segmento dos vehículos non tripulados e múltiples áreas de especialización tecnolóxica. Referiuse non só ao tecido empresarial galego, senón tamén aos centros tecnolóxicos, universidades e o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) entre INTA e a Xunta.

Por último, apuntou como retos de futuro da iniciativa a introdución progresiva das tecnoloxías desenvoltas no marco desta iniciativa, avanzar na regulación dos usos dos vehículos non tripulados e na súa integración no tráfico aéreo e conseguir as certificacións e permisos para os vehículos e servizos.

Pola súa banda, Indra e Babcock presentaron os produtos e servizos que están desenvolvendo no marco do programa de I+D da iniciativa e que, unha vez validados pola Xunta, poderán ser comercializados internacionalmente.

Cooperación técnica para posicionar Galicia no sector aeroepacial

Galicia, que constitúe xa un referente no desenvolvemento de tecnoloxía de vehículos non tripulados para uso civil, colaborará cos gobernos e institucións de Latinoamérica na promoción do uso civil dos vehículos non tripulados, na identificación das tecnoloxías baseadas en UAV para mellorar a prestación de servizos públicos e no desenvolvemento da industria aeroespacial de drones en América Latina e o Caribe, a través do memorando asinado co IPAC, o organismo creado pola CLAC para a capacitación e investigación en materia de aviación civil.