Conde sinala que o traballo que desenvolven as Unidades Mixtas de Investigación permite que o talento e a ciencia saian do laboratorio e se instalen na industria

2017-11-13
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou no encontro UMIX, Mesturas gañadoras que reuniu na Cidade da Cultura unha representación das iniciativas postas en marcha desde 2014
  • Destaca o papel das Unidades Mixtas na creación de emprego cualificado, crecemento económico e mellora da competitividade galega
  • A cuarta convocatoria suma tres novos proxectos no eido da aeronáutica, as TIC e a automoción e permite a consolidación doutras tres iniciativas
  • Subliña que o programa xa permitiu apoiar 30 Unidades Mixtas,nas que participan 37 empresas e 10 centros tecnolóxicos, que dan emprego a 450 profesionais e que mobilizan 94 millóns de euros

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe, durante o encontro Umix, Mesturas gañadoras que se celebrou na Cidade da Cultura, que o traballo que desenvolven as Unidades Mixtas de Investigación permite que o talento e a ciencia saian do laboratorio e se instalen na industria.

O conselleiro explicou que o obxectivo do encontro é poñer en valor o labor realizado por empresas e centros de coñecemento no marco deste programa, así como unha ocasión para que os participantes coñezan o traballo doutras iniciativas “coa confianza de que serva para inspirar novas ideas e alianzas para o futuro”, asegurou.

Conde destacou a fórmula de colaboración público-privada das Unidades Mixtas, grazas á que Galicia pode levar á industria galega as últimas demandas do mercado e atraer capital privado da man de importantes multinacionais producindo un efecto tractor no tecido empresarial galego. Así, a innovación e a transferencia de coñecemento ao mercado diferencia a Galicia e aos seus sectores estratéxicos, facéndoos máis atractivos para os inversores e incentivando “a cultura da innovación entre as pemes galegas que forman parte dos nosos sectores estratéxicos”, defendeu.

O conselleiro explicou que coas Unidades Mixtas a Comunidade está poñendo unha peza máis para implantar en Galicia o novo modelo industrial que aportará emprego cualificado, crecemento económico e mellorará a competitividade galega.

Na súa intervención Conde tamén se referiu á nova Lei de implantación empresarial que, co obxectivo de captar novos investimentos, aporta as máximas facilidades administrativas para as empresas que queiran instalarse en Galicia e que busca a colaboración dos concellos para ofrecer vantaxes en termos de fiscalidade e de acceso ao solo industrial.

Estratexia RIS3

As Unidades Mixtas de Investigación enmárcanse na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) co obxectivo de facer da Comunidade un ecosistema de innovación atractivo para investir. Este programa, en concreto, favorece a cooperación entre as empresas e os centros de coñecemento, a través da colaboración público privada, e busca o impulso da transferencia da I+D+i ao tecido industrial galego así como a atracción de empresas foráneas que son líderes nos seus respectivos sectores.

Sumando a cuarta edición que acaba de resolverse, desde a súa posta en marcha en 2014, a iniciativa ten permitido a posta en marcha de 30 Unidades Mixtas (26 de nova creación e 4 de consolidación) cun apoio público por parte da Xunta de 28 milllóns de euros que mobilizará, en total, 94 millóns. Estes proxectos dan emprego a 450 profesionais. Conde agradeceu a súa participación nas UMIS ás 37 empresas, 10 centros de coñecemento, ás Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña e á Fundación Sanitaria Ramón Domínguez.

Na nova edición sumáronse tres novos proxectos a cargo de Star Defence e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), para avanzar na investigación de avións non tripulados; Telefónica e Gradiant, para desenvolver sistemas de ciberseguridade; e Grupo Copo con Aimen, cun proxecto para dixitalizar os procesos de fabricación de espumas de automoción. Ademais apóianse outras tres Unidades xa existentes para a súa consolidación.