Galicia reúne a organismos europeos relacionados coa innovación e o deseño para identificar boas prácticas en apoio financeiro

2017-11-11
  • No marco do proxecto europeo Design4Innovation, no que a Axencia Galega de Innovación participa xunto con outros sete socios europeos, desenvolvéronse visitas ás empresas Finsa, en Santiago; Arturo Álvarez, en Vedra, e ao obradoiro artesán de Anna Champeney, en Teixeira (Ourense)
  • En 2018 a Xunta porá en marcha un programa de impulso ao deseño como factor facilitador da innovación

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2017.- Dentro do marco do proxecto europeo Design for Innovation (financiado por Interreg Europe), no que a Axencia Galega de Innovación (Gain) participa a través de CIS Madeira e CIS Galicia, celebrouse en Santiago de Compostela o encontro “Identificando boas prácticas en apoio financeiro”, organizado pola Axencia.

O obxectivo deste encontro, que reuniu a representantes de organismos públicos e privados europeos, foi analizar as mellores prácticas de apoio financeiro á innovación e ao deseño. Para iso, presentáronse, analizáronse e debatéronse os diferentes marcos de axuda de tipo financeiro desde o punto de vista do solicitante.

O obxectivo deste proxecto europeo é o desenvolvemento de plans de acción de deseño para mellorar a competitividade das pemes a través dun uso máis estratéxico deste elemento. De feito, a Consellería de Economía, Emprego e Industria porá en marcha en 2018 un programa de impulso do deseño como factor facilitador da innovación que conecte a empresa co mercado.

Ao encontro asistiron responsables dos seguintes organismos, que son socios do proxecto: PDR Cardiff Metropolitan University (Gran Bretaña); Flanders Innovation & Entrepreneurship (Bélxica); Marshal´s Office of Silesia Region, Silesian Government (Polonia); Investment and Development Agency of Latvia (Letonia); KEPA – Business and Cultural Development Centre (Grecia); Culture Directorate, Ministry for Justice, Culture and Local Government (Malta); e o Barcelona Design Centre, ademais de Gain.

Obradoiro e visitas

Durante unha xornada, que se celebrou na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, presentouse a futura estratexia de deseño desenvolvida por un dos socios (Deseño de Letonia 2020) e que servirá de referencia para o desenvolvemento dos diferentes Plans de Acción de Deseño, que cada un dos socios deberá elaborar.

Ademais, realizouse unha visita ao Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) e tres empresas galegas destacadas pola súa actividade no campo do deseño: Finsa, en Santiago de Compostela, grande empresa que emprega o deseño como elemento diferencial no sector das mercadorías; Arturo Álvarez, en Vedra (A Coruña) peme especializada en iluminación e baseada no deseño; e o estudo textil de Anna Champeney, na Teixeira (Ourense), peme artesá enfocada ao deseño e o turismo.

FINSA é unha empresa con longa experiencia na fabricación de taboleiros de madeira que nos anos 80 decidiu incorporar o deseño como valor engadido aos seus taboleiros. A través da investigación sobre novos materiais e deseños, xunto co establecemento de alianzas de éxito con diversos deseñadores, a empresa desenvolveu unha gama propia de produtos que distribúe e promociona empregando con habilidade as súas propias canles de prescrición, liderando a aplicación de novos materiais e o desenvolvemento de novas ideas sempre axustadas a tendencias de deseño e ás necesidades do mercado.

Arturo Álvarez leva máis de 20 anos traballando na creación de luminarias decorativas feitas a man mediante unha persistente labor de investigación en novos materiais, formas e texturas e a súa vinculación coa luz, o ser humano e os ambientes en que ambos se relacionan.

Anna Champeney, de orixe británica, é deseñadora e artesá téxtil afincada na Ribeira Sacra ourensá desde 2000. O seu estudo téxtil está situado nunha pequena aldea do Canón do Río Sil. Alí ela traballa na creación de foulards e mantas de luxo, baixo a súa propia marca, Anna Champeney. Anna comezou coa elaboración de todos os tecidos a man en tear manual e agora tamén colabora cun pequeno produtor téxtil que realiza a produción dos deseños de plaids (mantas decorativas), sendo pezas de dimensións máis grandes. O pequeno estudo téxtil de Anna é dos poucos en España que logrou introducir tecnoloxía CAD ao proceso de deseño e elaboración de tecidos artesanais en tear. Isto, xunto cos deseños orixinais de carácter contemporáneo, sitúaa na vangarda do deseño artesanal téxtil.