A Xunta destaca a importancia de difundir os proxectos de innovación con éxito para animar ás pemes a xerar novas ideas

2017-11-10
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe en Ourense na mesa redonda “Comunicación e innovación: informar máis e mellor” no marco do V Foro da Comunicación de Galicia
  • Destacou que a Xunta acompaña aos axentes do sistema de innovación, tamén no campo da comunicación, para visibilizar que os apoios públicos á innovación xeran novos produtos e servizos

Ourense, 10 de novembro de 2017.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá en Ourense na mesa redonda Comunicación e Innovación: informar máis e mellor no marco do V Foro da Comunicación de Galicia, organizado por Expourense, co apoio da Deputación de Ourense e a Xunta.

Argerey subliñou que aínda queda moito camiño por percorrer no ámbito da comunicación da innovación para que a cidadanía perciba claramente os seus beneficios e apuntou a unha responsabilidade compartida: dos propios axentes do sistema de innovación, incluíndo ás administracións e aos medios de comunicación.

Neste senso, destacou que a Axencia Galega de Innovación, na súa misión de acompañar aos axentes do sistema de I+D+i para que ningunha iniciativa innovadora se quede sen apoio, tamén desempeña un labor de acompañamento no campo da comunicación. Este labor consiste non só en trasladar ao sistema de innovación as actuacións de apoio das que se poden beneficiar e facer chegar á cidadanía o labor da Axencia para que perciban a utilidade e importancia de destinar recursos públicos á innovación, senón tamén animando aos beneficiarios das axudas públicas a que fagan chegar á sociedade os seus proxectos, trasladando directamente casos de éxito en innovación.

Este formato, o da comunicación de casos de éxito en innovación, ten unha serie de beneficios, ao seu entender: crear referentes para os axentes do sistema de innovación e abrir a posibilidade de que calquera persoa allea ao sistema coñeza historias concretas e moi gráficas nas que se fai fincapé nos beneficios da innovación na economía e no benestar social.

A Axencia Galega de Innovación conta para elo co blog Con G de Ganadores, no que se publican con carácter quincenal iniciativas de todo tipo, dende grandes proxectos público-privados a plans de emprendemento, nos que a Axencia exerce ese papel de acompañamento nunha linguaxe divulgativa. Un dos factores clave desta ferramenta é que os protagonistas son os innovadores e o que se persegue é animar aos axentes do sistema, especialmente as pemes, a que inicien o camiño da innovación. Ademais, pretende incentivar ás empresas que xa se lanzaron ao “reto ineludible da innovación” ofrecéndolles proxección pública e recoñecemento, o que repercute nunha mellor reputación.

Por último, Argerey tamén destacou o papel da comunicación para explicar os investimentos públicos á cidadanía e puxo como exemplo a iniciativa do Polo Tecnolóxico e Industrial arredor dos vehículos non tripulados de Rozas. A comunicación deste proxecto presentou varios retos: primeiro, aclarar que a iniciativa se limitaba a desenvolver esta tecnoloxía para usos exclusivamente civís; en segundo lugar, explicar a fórmula novidosa de contratación pola que se optou, a Compra Pública Innovadora; e, por último, comunicar de que maneira podía contribuír a mellorar os servizos públicos que presta a Xunta.