Os orzamentos da Axencia Galega de Innovación medran por quinto ano co foco posto no talento e a competitividade empresarial

2017-11-06
  • A directora xeral de GAIN, Patricia Argerey, sinala que os recursos desta Axencia crecen máis dun 26%, situándose en preto dos 80 millóns de euros con retos claros e unha estratexia definida
  • Avanza a posta en marcha dunha liña para facilitar a contratación de investigadores sénior por parte de centros de coñecemento e empresas
  • Sinala que se activarán dúas iniciativas para incidir aínda máis na cultura innovadora entre as empresas máis pequenas: o ReAcciona Innovación, con servizos especializados, e un programa de impulso do deseño
  • No marco do polo de Rozas, desenvolverase unha aceleradora de proxectos aeroespaciais a través da cal se apoiarán 15 startups

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2017.- A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, sinalou este mediodía no Parlamento que os orzamentos deste organismo para 2018 medran máis dun 26%, situándose en preto dos 80 millóns de euros, con retos claros e unha estratexia definida. Así, estes recursos, que crecen fundamentalmente nas partidas de investimentos, destínanse a retos claros e a unha estratexia definida, centrándose en apoiar a captación e retención de talento innovador; incrementar a competitividade das pemes a través da innovación; apoiar a fábrica intelixente e a captación de novos investimentos; e reforzar a cohesión territorial, con programas especificamente localizados no interior de Galicia.

No ámbito do talento, tal e como apuntou Argerey, daráselle continuidade aos programas Oportunius e Principia, con 3,4 millóns de euros, aos que se engadirá unha liña para facilitar a contratación de persoal investigador sénior por parte de centros de coñecemento e empresas, cun orzamento dun millón de euros.

Neste eido, ademais das liñas de apoio á etapa predoutoral e postdoutoral, continuarase co desenvolvemento da Rede Galega de Aceleradoras, que ata o momento leva mobilizados máis de 17 millóns de euros en máis de 520 proxectos.

Co obxectivo de seguir transferindo o coñecemento ao tecido empresarial, tamén se lle dará continuidade ao programa Ignicia, con 2,5 millóns de euros, co obxectivo de impulsar entre 7 e 10 novos proxectos de proba de concepto que acheguen a investigación galega ao mercado. Tal e como salientou a directora da Axencia Galega de Innovación, activarase ademais unha convocatoria para o fortalecemento dos centros tecnolóxicos galegos para apoiar a dotación e actualización de equipamento actualizado e diferencial, que permitirá mobilizar 13 millóns de euros.

Por outra banda, segundo sinalou Patricia Argerey, incidirase de maneira aínda máis específica na cultura da innovación entre as empresas máis pequenas. Con este obxectivo, ademais de manter o Innova Peme, lanzaranse dous novos programas: o Reacciona Innovación, en colaboración co Igape, para que as empresas que queiran iniciar ou orientar o seu camiño cara á innovación teñan acceso a servizos especializados, como os que están a recibir para as TICs e a mellora da competitividade; e un programa de impulso do deseño como factor facilitador da innovación, que conecta a empresa co mercado cun enfoque de innovación non tecnolóxica.

Así mesmo, lanzarase a cuarta convocatoria do Conecta Peme, con 25 millóns de euros, coa finalidade de desenvolver proxectos innovadores en cooperación. Ao tempo, seguirase apostando polos novos instrumentos de apoio, tanto a través de novos proxectos de compra pública innovadora, con 31 millóns de euros, como dos Instrumentos Financeiros Innovadores.

Na súa intervención, a directora de GAIN fixo tamén referencia ao novo anuncio que se vén de publicar no Diario Oficial de Galicia do programa Fábrica Intelixente, que contará cun orzamento superior aos 18 millóns de euros, ou á nova edición do programa de Unidades Mixtas de Investigación, con 8 millóns de euros.

Impulso a Rozas

No marco do polo tecnolóxico e industrial de vehículos non tripulados de Rozas, que conta con 9 millóns de euros consignados no orzamento do vindeiro ano, poñerase en marcha un programa de aceleración de proxectos aeroespaciais para que emprendedores de todo o mundo poidan validar as súas solucións e xerar actividade económica. A aceleradora, que contará coa colaboración de Indra e Babcock, busca apoiar 15 startups. A futuro, incorporará un espazo de coworking e viveiro de empresas en Lugo, nas instalacións do antigo hospital.

Así mesmo, comezarase coa execución dos proxectos de innovación que se deriven das licitacións publicadas este ano, que se centran en mellorar a xestión e control de tres ámbitos estratéxicos para Galicia; o territorio, o tráfico aéreo, e os recursos acuáticos. Do mesmo xeito, tamén se dará continuidade ao programa de I+D+i da Civil UAVs Initiative, que está a xerar 170 empregos altamente cualificados, tanto en Indra como en Babcock como nas 17 pemes e centros tecnolóxicos galegos que están subcontratados ata a data.

Tal e como salientou Patricia Argerey, os orzamentos da Axencia Galega de Innovación para o vindeiro ano “increméntanse para que a economía galega poida seguir crecendo e ser máis competitiva, e para que o faga apostando pola innovación, polo talento e polo emprego cualificado”.