A unidade mixta de Gradiant e Everis desenvolve solucións TIC innovadoras para pacientes, médicos e xestores sanitarios

2017-10-30
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, salienta que esta iniciativa contribúe a situar Galicia como líder na innovación para a mellora da calidade de vida e a saúde a través das novas tecnoloxías
  • Das 24 Unidades Mixtas impulsadas pola Xunta desde 2014, seis delas están centradas no reto de acadar un novo modelo de vida saudable

Vigo, 30 de outubro de 2017.- A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, salientou hoxe na presentación dos resultados da Unidade Mixta de Investigación posta en marcha en 2014 por Gradiant e a multinacional Everis co apoio da Xunta que esta iniciativa, cuxo obxectivo era fomentar a innovación sanitaria e xerar solucións baseadas nas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) para o sector da eSaúde, contribúe a situar Galicia como líder na innovación para a mellora da calidade de vida e a saúde a través das novas tecnoloxías.

Na inauguración, Argerey destacou a consecución dos obxectivos fixados pola Unidade: o desenvolvemento de produtos que satisfagan as necesidades e preferencias dos usuarios finais, xa sexan pacientes, facultativos ou xestores hospitalarios; a realización de proxectos conxuntos de I+D+i de alto impacto en eSaúde que permitan deseñar, construír e validar novas solucións; e a posta en valor do coñecemento transferido ao mercado.

Argerey puxo como exemplo dúas das solucións desenvoltas no marco desta Unidade: OnCare, unha aplicación móbil que permite o seguimento remoto da dor de pacientes con enfermidades oncolóxicas, posta en marcha en colaboración co Servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e Resvinet Score App, para a avaliación de nenos menores de dous anos con enfermidade respiratoria aguda desenvolta en colaboración co grupo GENvip do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.

As liñas de traballo desta Unidade Mixta de Investigación centráronse en cinco eixos temáticos: o desenvolvemento de aplicacións que axuden aos profesionais sanitarios e mellorar a organización do servizo asistencial; o desenvolvemento de solucións TIC ergonómicas, accesibles e fáciles de usar que melloren a experiencia do usuario no sector saúde; dar soporte á toma de decisións clínicas; a creación de ferramentas que involucren e doten de autonomía aos pacientes na toma de decisións relacionadas co coidado da saúde; e o deseño de solucións que permitan ofrecer servizos innovadores aos cidadáns e pacientes baseado no uso de dispositivos móbiles.

Avanzar nun novo modelo de vida máis saudable

Esta Unidade Mixta enmárcase no terceiro reto da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) que persegue posicionar Galicia como rexión líder na innovación para a mellora da calidade de vida e a saúde da cidadanía a través da aplicación das novas tecnoloxías. Das 24 Unidades Mixtas de Investigación impulsadas pola Xunta de Galicia desde 2014, seis delas inscríbense neste reto e implican un capital mobilizado de máis de 12 millóns de euros.

Ademais, esta Unidade Mixta ten contribuído a favorecer a transferencia de I+D+i ao tecido produtivo, a estreitar a cooperación entre as empresas e os centros de coñecemento, a atraer empresas foráneas cara Galicia e a atraer e reter talento.