Conde presenta un orzamento que crece un 8%, ata os 522m€, para facer de Galicia o mellor lugar onde innovar, emprender e traballar

2017-10-27
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, expuxo hoxe no Parlamento as Contas do seu departamento para 2018 que apostan pola innovación como piar fundamental do modelo de crecemento económico, reforzan a competitividade das pemes e consolidan a calidade no mercado laboral
  • O orzamento da Axencia Galega de Innovación (Gain) medra nun 26 por cen para captar investimentos 4.0 e achegalos ás pemes e para apoiar ao talento innovador
  • Inclúe novas iniciativas como a Fábrica Intelixente, unha liña para a contratación de persoal investigador senior e un plan de aceleración de proxectos aeroespaciais
  • A área de financiamento do Igape contará con 58 millóns, un 26 por cen máis, para ter máis capacidade no apoio aos proxectos empresariais e ao seu crecemento
  • A Axencia Galega da Industria Forestal disporá de 9,4 millóns para reforzar a competitividade e a innovación dun sector estratéxico, ao tempo que se desenvolverá un plan de formación
  • Ás políticas activas de emprego destínanse 135 millóns co foco posto nos perfís profesionais que se necesitan na nova industria
  • Os autónomos contarán con dúas novas liñas de apoio para facilitarlles unha segunda oportunidade e para fomentar o relevo xeracional, e a formación de calidade para ocupados e desempregados seguirá sendo unha prioridade

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presentou hoxe no Parlamento de Galicia o Orzamento do seu departamento para 2018 que crece nun 8%, ata os 522 millóns, para “facer de Galicia un lugar onde innovar, emprender e traballar sexa máis doado”. O obxectivo das contas é, xunto coa Lei de implantación empresarial, contribuír a que a mellora da economía galega poida medirse en termos de benestar e teña un impacto directo sobre o emprego.

Así, o Orzamento sitúa á innovación como piar fundamental da fábrica intelixente e a captación de novos investimentos; reforzan a competitividade das pemes para impulsar a súa modernización, o seu crecemento e a súa internacionalización; e consolidan o emprego de calidade, a través dunha aposta firme pola formación adaptada aos novos modelos empresariais. O obxectivo é crear 17.500 novos empregos e pechar o ano coa taxa de paro no 14%.

Conde, en primeiro lugar, sinalou que na aposta firme pola innovación, o orzamento da Axencia Galega de Innovación (Gain) medra nun 26% para captar investimentos 4.0 e achegalos ás pequenas empresas, e apoiar ao talento innovador. A innovación sitúase como piar fundamental do modelo de crecemento económico. Do que se trata, en palabras de Conde, é avanzar no cambio do modelo produtivo de Galicia, apoiando máis investimentos en dixitalización, tecnoloxías, talento e investigación.

Así, a Consellería de Economía, Emprego e Industria publicará unha nova convocatoria do programa Fábrica Intelixente, con 18 millóns de euros, e unha nova edición de unidades mixtas de investigación, co obxectivo de promover 6 novas e consolidar proxectos de innovación das xa existentes. Ademais, continuarase con programas como o Ignicia e os dirixidos á retención e captación de talento, como o Oportunius e Principia, cos que xa se ten impulsado a contratación de preto de 300 investigadores e tecnólogos para reforzar a capacidade innovadora do tecido empresarial. Como novidade, incorporarase unha nova liña para facilitar a contratación de persoal investigador senior por parte de centros ou empresas.

Co obxectivo de incidir na cultura da innovación entre as compañías máis pequenas, o titular de Economía detallou que a Xunta lanzará dous novos programas: o Reacciona Innovación para que as empresas que queiran iniciar ou orientar o seu camiño cara á innovación teñan acceso a servizos especializados; e un plan de impulso do deseño como factor facilitador da innovación, que conecta a empresa co mercado. Así mesmo, lanzarase unha nova edición do Conecta Peme e continuarase coa execución da Rede Galega de Aceleradoras.

Para seguir impulsando a Fábrica Intelixente, lanzaranse tres novas iniciativas: axudas para acelerar o proceso de dixitalización nas empresas; o programa Fablab Maker destinado a novas Industrias 4.0, a través de espazos onde pequenas empresas e emprendedores poidan compartir o uso de equipamento innovador para facer prototipos e series curtas; e un plan de provedores industriais para que se fabriquen en Galicia os sistemas que hoxe se importan para a Industria 4.0.

Impulso ao sector aeroespacial

Por último, no eido da innovación, Conde referiuse ao Polo Tecnolóxico e Industrial de vehículos non tripulados de Rozas salientando que o vindeiro ano porase en marcha un programa de aceleración de proxectos aeroespaciais para que emprendedores de todo o mundo poidan validar as súas solucións e xerar actividade económica. Ademais, o conselleiro apuntou que se comezará coa execución dos proxectos de innovación que se deriven das licitacións deste ano, que se centran en mellorar a xestión e control do territorio, do tráfico aéreo e dos recursos acuáticos. En total, investiranse 24 millóns de euros para novas solucións de servizo público, ao que se sumarán o próximo ano 9 millóns de euros consignados nos orzamentos para o proxecto de Rozas.

O titular de Economía sinalou tamén que a Axencia Galega da Industria Forestal disporá de 9,4 millóns para reforzar a competitividade e a innovación dun sector estratéxico para Galicia, ao tempo que se levará a cabo un Plan de Formación para a Industria Forestal que dea resposta ás necesidades do sector nos eidos da explotación forestal, a primeira e a segunda transformación.

O segundo eixo no que se centra o Orzamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria é o reforzo da competitividade para o que a área de financiamento do Igape contará con 58 millóns, un 26% máis. Entre outras actuacións, o conselleiro puxo en valor programas como o Galicia Inviste, que contará co dobre de orzamento, e destacou a continuidade de axudas como o Galicia Emprende e o Galicia Emprende Rural. Desenvolveranse, ademais, tres modalidades de instrumentos financeiros innovadores: os vinculados á Industria 4.0; os dirixidos ás sociedades mercantís constituídas por novos emprendedores; e os que van dirixidos as microempresas e pemes galegas, especialmente aquelas de base tecnolóxica.

No ámbito da internacionalización, porase o foco nas empresas exportadoras e na creación dun programa de internacionalización dixital. Convocarase, ademais, unha nova edición do Galicia Exporta e do plan Foexga. Conde tamén referiuse á área do comercio á que se destinarán un 5% máis para buscar novas fórmulas de comercialización e á dixitalización das empresas. Os mercados e espazos comerciais urbanos recibirán 2,1 millóns e de xeito complementario apoiarase a promoción de produtos galegos con atención á artesanía.

Emprego de calidade

O último reto das Contas da Consellería é seguir impulsando o traballo de calidade. As políticas activas de emprego recibirán 135 millóns para executar actuacións de formación e orientación. Segundo engadiu Conde, a formación de calidade é “unha prioridade constante”, explicando que os perfís dos traballadores deben adecuarse ás necesidades reais das empresas. Desta forma, iniciarase unha transformación das actuacións en formación para o emprego cun cambio, entre outros, no modelo dos obradoiros cara a unha especialización nos sectores específicos onde se desenvolven tendo en conta ao sector produtivo comarcal, ao tempo que se dará prioridade aos plans de formación centrados nos sectores estratéxicos, tanto de ocupados como desempregados.

Continuarase tamén coa modernización do Servizo Público de Emprego, reforzarase o número de orientadores e impulsaranse plans para fomentar a contratación de desempregados, dando prioridade aos colectivos que máis o precisan, como as persoas con capacidades diferentes, os perceptores da RISGA ou a mocidade. Con respecto ao máis novos, avanzou que Emprega Xuventude abrirase a novos sectores produtivos e para seguir reforzando a seguridade e saúde no traballo sinalou un investimento de preto de 10 millóns, poñéndose en marcha, entre outros, un programa específico para os traballadores da lousa.

Os autónomos, pola súa banda, volverán a contar cos instrumentos específicos postos ao seu alcance a través da Estratexia Autónomo 2020. Investiranse outros 40 millóns para poñer en marcha diversas actuacións entre as que Conde salientou, como novidade, axudas para facilitar unha segunda oportunidade, con fin de apoialos no inicio dunha nova actividade ou a reemprender; e novos apoios s servizos para fomentar o relevo xeracional.

En definitiva, Conde afirmou que o Orzamento de Economía, Emprego e Industria medran para que “a economía galega poida seguir crecendo e ser máis competitiva”. Para rematar, engadiu que Galicia está a sentar as bases para que a economía creza sobre a “sólida base do coñecemento”, o recurso para, segundo o conselleiro, acadar unha industria máis competitiva e internacional; para captar novos investimentos; e para xerar emprego de calidade e cualificado. “Con máis innovación facemos máis Galicia, con máis empresa facemos máis Galicia e con máis emprego acadamos máis benestar”, asegurou.