Conde salienta que a unidade mixta de mobilidade sostible de Gas Natural Fenosa e Energylab contribúe a que Galicia avance cara a “unha economía máis renovable”

2017-10-25
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participa na xornada de peche deste proxecto que durante os últimos tres anos estudou o transporte centrado nos sectores pesqueiro e agrogandeiro
  • Entre os resultados da investigación dedúcese que substituír na flota menor o uso de motores diésel por unha mistura de diésel-gas ou só gas natural pode supor un 18% menos de emisións
  • O uso de motores diésel-gas na flota de tractores podería traducirse nun 20% menos de emisións de CO2 á atmosfera, redución que sería máis do dobre se se trata de biogás-metano
  • Apunta que a baza que fai diferente e atractiva á industria galega é a innovación e o talento, e que este é o foco para atraer novos investimentos
  • Lembra que hoxe se publica no DOG a Lei de implantación empresarial, que busca facilitar o desenvolvemento de proxectos industriais en Galicia ao tempo que se manteñen todas as garantías desde o punto de vista ambiental e urbanístico

Vigo, 25 de outubro de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe en Vigo, na xornada de peche da Unidade Mixta de Investigación (UMI) Mobilidade Sustentable que Energylab e Gas Natural Fenosa levan desenvolvido nos últimos tres anos, que esta iniciativa permite seguir afondando “nunha economía máis verde, máis renovable, e en definitiva, nunha economía máis saudable para os nosos cidadáns”.

Esta unidade de investigación, na que traballaron 11 persoas, centrou os seus esforzos en dous sectores tradicionais da economía galega: a pesca e o sector agrogandeiro, para estudar o uso do gas natural e biometano como combustible para o transporte agrario e marítimo, e novos sistemas de produción e purificación de biogás para obter biometano e incrementar así o seu contido enerxético.

Dos resultados do traballo realizado, dedúcese que substituír na flota menor o uso de motores diésel por unha mistura de diésel-gas ou só gas natural pode supor un 18% menos de emisións. No ámbito da agricultura, as análises desta UMI reflicten que un uso de motores diésel-gas na flota de tractores podería traducirse nun 20% menos de emisións de CO2 á atmosfera (90.000 toneladas), unha redución que podería alcanzar as 225.000 toneladas menos se se trata de biogás-metano.

No que corresponde ao potencial do biogás, dentro do proxecto abordouse como xeralo a través de residuos de sectores como o conserveiro, o lácteo e o gandeiro. A conclusión é que grazas aos sistemas de purificación de baixo custo se poderían obter ata 50 millóns de m3 de biometano para subministrar, por exemplo, o combustible necesario para a flota de tratores das explotacións agrarias.

En base a estas cifras, Conde subliñou que as Unidades Mixtas de Investigación, impulsadas pola Xunta, non só actúan como estímulo do investimento privado para desenvolver proxectos de I+D+i no tecido produtivo galego, e como un elemento para captar e reter talento investigador en Galicia, senón que están tamén ao servizo de obxectivos comúns como a loita contra o cambio climático.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria salientou así mesmo que a esta iniciativa se lle dá continuidade coa Unidade Mixta sobre gas renovable que Gas Natural Fenosa e Energylab teñen en marcha, e que permitirá seguir avanzando na mellora da eficiencia enerxética e na redución dos gases con efecto invernadoiro. No ámbito da enerxía, tamén se está a desenvolver outra Unidade Mixta na que colaboran Repsol e o ITMATI (Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial).

En total, ao redor de 25 multinacionais e 15 centros de coñecemento galegos conforman a rede de Unidades Mixtas que, cun apoio de 23 millóns de euros nas súas tres edicións, crearon máis de 360 empregos cualificados e mobilizarán preto de 100 millóns de euros unha vez que se resolva a cuarta convocatoria.

Na súa intervención, o conselleiro apuntou que a baza que fai diferente e atractiva á industria galega é a innovación e o talento, e que este é o foco co que se busca atraer novos investimentos cara os sectores produtivos galegos. “A fixación de tecido empresarial temos que acompañala da innovación, o talento e o coñecemento”, apuntou.

Francisco Conde lembrou tamén, neste sentido, que os orzamentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para o vindeiro ano de 2018 xiran en torno a tres eixos: a innovación; a iniciativa empresarial, destacando o incremento do orzamento do Igape para os apoios financeiros ás empresas; a e a formación, adaptándoa ás necesidades do tecido empresarial e aos avances que marca a Industria 4.0.

Máis facilidades para desenvolver proxectos

Neste ámbito, recordou que hoxe se publica no DOG a Lei de implantación empresarial, salientando que se trata dunha oportunidade para reducir as tramitacións administrativas ás que ten que facer fronte o empresariado, facilitando o desenvolvemento de proxectos industriais en Galicia ao tempo que se manteñen todas as garantías desde o punto de vista ambiental e urbanístico.

“Os empresarios vanse atopar cunha Administración con menos tramitacións, con máis facilidades para desenvolver solo industrial e tamén con menor impacto fiscal”. Así, apuntou a que esta redución fiscal se vai desenvolver tanto na Xunta, a través da bonificación do 100% dos actos xurídicos documentados, como a través da redución fiscal á que se comprometen os propios concellos na alianza entre a Xunta de Galicia e a Fegamp.