Conde destaca que a estratexia RIS3 xa ten permitido a mobilización de máis de 900 millóns en innovación entre o tecido empresarial

2017-10-05
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago, xunto coa eurodiputada e membro da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía, Pilar del Castillo, na xornada Modelo Industria 4.0 en Galicia
  • O titular de Economía destacou a importancia de impulsar o talento e a innovación para que se convertan “no principal recurso da industria galega”
  • A Axenda Industria 4.0 xa beneficiou a 4.200 empresas, axudou a crear 11.500 novos postos de traballo e mobilizou 342 millóns de investimento, mentres que unha trintena de compañías participan nas 24 unidades mixtas de investigación

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago, na xornada Modelo Industria 4.0. en Galicia, á que asistiu a eurodeputada e membro da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía da Eurocámara, Pilar del Castillo, para expoñer a súa visión deste modelo industrial como unha estratexia de crecemento para o conxunto de Europa.

Conde salientou que este novo modelo de industria é sinónimo de competitividade, talento e internacionalización e, polo tanto, de crecemento económico, polo que apostou por seguir impulsando na Comunidade autónoma o talento e a innovación para que se convertan “no principal recurso da industria galega” e, deste xeito, “se consolide un tecido económico, forte, competitivo e capaz de atraer investimentos”.

Neste sentido, indicou que o Goberno galego conta coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) a través da cal as empresas galegas e os centros tecnolóxicos, co apoio da Xunta, están mobilizando máis de 900 millóns de euros en proxectos innovadores.

Así mesmo, o titular de Economía lembrou que a Axenda Industria 4.0 beneficiou ata o de agora a 4.200 empresas, axudou a crear 11.500 novos postos de traballo e mobilizou 342 millóns de investimento.

Sinalou que o Consello da Xunta aprobou hoxe mesmo unha nova liña de préstamos, os Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIS), que mobilizará 60 millóns de euros para que pemes e emprendedores poidan desenvolver proxectos nestes ámbitos. Ademais, apuntou que xa son unha trintena de empresas de peso as que están tomando parte nas 24 unidades mixtas de investigación que a Xunta activou hai 4 anos. É, en palabras do conselleiro, unha iniciativa para impulsar a innovación empresarial e fomentar a colaboración público-privada, que vai mobilizar arredor de 100 millóns nas súas catro edicións. Ao respecto, subliñou que a cuarta convocatoria está a piques de resolverse.

Outras ferramentas da Xunta para impulsar o talento e a innovación son a rede de aceleradoras en sectores estratéxicos e emerxentes como o aeronáutico ou o biosanitario, resaltando que Galicia será a sede da primeira incubadora de novos fármacos de España, que se vai poñer en marcha grazas ao traballo da multinacional Johnson&Johnson e a Fundación Kertor.

Para rematar, o conselleiro afirmou que innovar mantén o liderado en mercados tradicionais e mellora o posicionamento en ámbitos pioneiros, ao tempo que salientou que a Industria 4.0 supón un salto cualitativo en termos de eficiencia na produtividade.