Xunta e Fundación CEL colaboran na dinamización do emprendemento innovador na provincia de Lugo

2017-09-29
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, reuniuse esta mañá con emprendedores e empresarios innovadores da provincia de Lugo para coñecer as súas iniciativas e informar sobre os instrumentos de apoio da Xunta
  • GAIN e Fundación CEL colaboran no desenvolvemento de actuacións de dinamización, asesoramento e titorización a equipos promotores de proxectos empresariais

Lugo, 29 de setembro de 2017.- A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey Vilar, visitou esta mañá o Centro de Iniciativas Empresariais da Fundación CEL en Lugo onde mantivo un encontro con emprendedores e empresas innovadoras da provincia. O obxectivo do encontro era coñecer as súas iniciativas, así como informalos sobre os instrumentos de apoio da Xunta de Galicia ao emprendemento innovador e a aceleración da innovación.

Patricia Argerey destacou na súa intervención “o compromiso da Xunta de Galicia co impulso ao emprendemento innovador e, deste xeito, co fortalecemento do tecido industrial e empresarial galego e, máis concretamente, da provincia”. Apuntou ademais que “o emprendemento e a innovación son dúas claves para conseguir unha Galicia máis competitiva, capaz de reter o talento a través da creación de emprego de calidade e de deseñar solucións que triunfen en calquera parte do mundo”. Tamén destacou o talento co que contamos en Galicia, do que son mostra as persoas alí reunidas hoxe, así como a colaboración da Fundación CEL nesta misión de converter Galicia nun ecosistema innovador que ofreza oportunidades a todas aquelas persoas que teñan unha boa idea.

Esta visita enmárcase na liña de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación CEL para dinamizar e apoiar o emprendemento innovador. Entre as actuacións que inclúe este acordo atópanse o asesoramento e titorización de equipos promotores de proxectos empresariais innovadores co obxectivo de apoialos no lanzamento e consolidación das súas iniciativas; na procura de vías de financiamento; no acceso á Rede Galega de Aceleradoras e aos programas de emprendemento da propia Fundación CEL; así como na difusión dos instrumentos de apoio de GAIN dentro da provincia.

Apoio ao emprendemento innovador

Na reunión con emprendedores e empresas innovadoras, Argerey presentou a Rede Galega de Aceleradoras que a Xunta de Galicia está a impulsar no ámbito do apoio ao emprendemento innovador e que actualmente conta con 11 programas de aceleración en distintos ámbitos e na que a Xunta de Galicia leva investidos 14 millóns de euros que teñen permitido apoiar máis de 500 proxectos nos últimos catro anos. Algunhas das empresas participantes no encontro naceron precisamente a través da participación nun programa de aceleración apoiado pola Xunta de Galicia como ViaGalicia. Precisamente, Argerey lembrou que hoxe pecha o prazo para presentar propostas a V edición desta aceleradora, promovida polo Consorcio Zona Franca e a Xunta de Galicia, e que conta cunha sede en Lugo.

Patricia Argerey explicou tamén outras liñas de financiamento da Axencia a proxectos emprendedores, como os Instrumentos Financeiros Innovadores (IFI), novos instrumentos financeiros innovadores para as pemes e micropemes cos que conta a Xunta e que proceden dos fondos europeos FEDER para o marco 2014-2020 para investir en proxectos de Industria 4.0, así como proxectos emprendedores vencellados á innovación.