A Xunta pon en valor as unidades mixtas de Copo coas que apoia o desenvolvemento de novos materiais no sector da automoción

2017-09-27
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e o director do Igape, Juan Cividanes, visitaron hoxe o centro tecnolóxico do Grupo Copo en Mos para coñecer os avances realizados polas dúas unidades de investigación que leva a cabo en colaboración co centro tecnolóxico Aimen e co apoio do Goberno galego
  • A Xunta promoveu nos últimos tres anos a posta en marcha de 24 Unidades Mixtas co obxectivo de captar investimento privado en I+D+i para Galicia e favorecer a cooperación entre as grandes empresas e os centros de coñecemento, das que 8 pertencen ao sector da automoción

Mos (Pontevedra), 27 de setembro de 2017.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e o director do Igape, Juan Cividanes, visitaron hoxe o centro tecnolóxico do Grupo Copo en Mos para coñecer os avances desenvolvidos polas dúas unidades mixtas de investigación (UMI), que lidera actualmente a empresa de compoñentes para automoción, xunto ao centro tecnolóxico Aimen co apoio da Xunta. Á visita, na que tamén coñeceron outros proxectos de I+D+i que a empresa ten en marcha, asistiron, ademais, o director xerente de Aimen, Jesús Lago; o director xeral do grupo Copo, José Antonio Rodríguez; o director de I+D do grupo Copo, Antonio González; o director de Espuma Auto do grupo, Sergio Rodríguez; e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.

O grupo Copo conta na actualidade coas unidades mixtas de investigación Newfoam e Highppe, coas que aspira a ser máis competitivo, estar máis especializado e ampliar a súa carteira de produtos. En conxunto, as dúas unidades mixtas, que a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia con máis de 1,5 millóns de euros, están mobilizando un investimento de 5,23 millóns de euros.

O obxectivo da unidade mixta Newfoam, constituída en 2014, céntrase no desenvolvemento de novas tecnoloxías para a fabricación de produtos espumados de poliuretano. Estes produtos están orientados inicialmente ao sector da automoción, aínda que se agarda que sexan aplicables a medio prazo a outros sectores como a aeronáutica, o naval, o ferroviario, o militar e a construción, entre outros. Algunha das vantaxes destes materiais é que poden reducir o peso dos vehículos e, grazas ao emprego de novas tecnoloxías na súa fabricación, prevese obter prototipos listos para a súa produción industrial.

Pola súa banda, a unidade mixta Highppe, creada en 2016, ten como obxectivo desenvolver novas tecnoloxías para mellorar a fabricación de pezas de polipropileno expandido (EPP), un material cun enorme potencial en automoción como substituto de metais e outros polímeros, grazas á súa gran lixeireza e alta resistencia.

Entre os resultados agardados por esta unidade destacan desenvolver novos materiais EPP con propiedades a medida (maior capacidade de absorción de enerxía, resistencia mecánica e aillamento) mediante nanotecnoloxía; optimizar o proceso de fabricación destes materiais mellorando o deseño dos moldes a través de sensórica e control avanzado e empregando ferramentas de simulación térmica para facelos máis eficientes; e desenvolver novos produtos híbridos a partir de EPP.

Balance Unidades Mixtas de Investigación

A Xunta, incluídas estas dúas, impulsa desde 2014 un total de 24 unidades mixtas que están a mobilizar 84 millóns de euros cunha inxección de fondos públicos de 23 millóns. Proximamente, resolverase a cuarta convocatoria que prevé mobilizar 17 millóns de euros e a creación de 60 empregos cualificados.

Destas 24 unidades, 8 están vencelladas ao sector da automoción, nas que participan empresas como PSA, GKN Driveline, Borgwarner, Viza, Wärstsila ou MGI Courtier en colaboración cos centros tecnolóxicos CTAG e Aimen. Estas 8 Unidades recibiron 7,3 millóns de euros e están mobilizando 22,4 millóns.

As unidades mixtas de investigación son centros de innovación mixtos, formados por grandes empresas e centros de coñecemento, que teñen como obxectivo dinamizar iniciativas innovadoras de vangarda, impulsar a competitividade do tecido empresarial e xerar empregos cualificados.

Oportunidades Industria 4.0

Por outra banda, o director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe en Vigo, onde participou na clausura dunha xornada sobre oportunidades da Industria 4.0 en Galicia, o intenso e continuado labor que está a desenvolver a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape e de GAIN, para facilitar a transformación do tecido empresarial galego e os avances da Industria 4.0 na Comunidade Autónoma.

Durante a súa intervención neste encontro empresarial, que se desenvolveu na sede do Círculo de Empresarios de Galicia, Cividanes destacou o labor da Xunta para difundir coñecementos e novas tecnoloxías, para apoiar programas de formación no ámbito da nova industria e a innovación, a transferencia de tecnoloxía e os investimentos 4.0.

Logo de lembrar que o Igape destina máis de 5,5 millóns de euros a apoiar os proxectos de 70 empresas que están a investir na incorporación de tecnoloxías 4.0, salientou que as conclusións do estudo “Oportunidades Industria 4.0 en Galicia”, que o Igape está a rematar, en colaboración coa Alianza Tecnolóxica de Galicia (ATIGA), serán de especial relevancia para acelerar a implantación da Industria 4.0 en Galicia.

O concurso de ideas e a liña de axudas para proxectos piloto fábrica 4.0 constitúe unha das accións que se están a impulsar ao abeiro da Axenda Galicia-Industria 4.0, que nos dous últimos anos beneficiou a case 4.200 empresas, facilitando a creación de 11.500 empregos industriais. A Xunta prevé destinar máis de 175 millóns de euros ao desenvolvemento do segundo plan bienal da Axenda, un 22% máis ca no período anterior, para seguir avanzado no desenvolvemento da fábrica intelixente en Galicia.