Conde aposta en Vigo pola innovación no sector da automoción para fixar tecido industrial en Galicia e gañar en competitividade

2017-09-08
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visita as instalacións de MGI Coutier para coñecer o traballo que está a desenvolver a Unidade Mixta de Investigación (UMI) formada por esta empresa e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia
  • Sinala que o traballo conxunto desta iniciativa permitirá desenvolver novos produtos con novos procesos para cubrir as necesidades do sector
  • A Xunta apoia 24 unidades mixtas, con oito centradas na automoción, que mobilizan 84 millóns de euros e crean 360 empregos

Vigo, 8 de setembro de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe durante unha visita en Vigo a Unidade Mixta de Investigación formada pola empresa MGI Coutier e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) a aposta da Xunta pola innovación neste sector para fixar tecido empresarial en Galicia e gañar en competitividade.

Tal e como asegurou, a automoción é un dos grandes motores da economía galega e para afianzar a súa posición, a Comunidade ten que apostar pola innovación como xa está a facer con iniciativas como a de MGI Coutier e o CTAG, unha das oito UMIS centradas neste sector; os 21 proxectos de innovación de Conecta Peme; a iniciativa piloto 4.0 liderada por Ceaga ou a aceleradora Business Factory Auto. Tamén se referiu a alianza do CTAG con PSA e lembrou os avances da multinacional no coche conectado. A suma de todos estes proxectos “permitirán que innovación no sector da automoción se siga escribindo en galego”, afirmou o conselleiro.

Conde explicou que o traballo da Unidade Mixta que hoxe visitou permitirá avanzar en novas solucións tecnolóxicas que cubran as necesidades dos consumidores a través de novos compoñentes para o sector da automoción. Será posible grazas á suma de esforzos de MGI Coutier, unha multinacional que ten sede en Vigo desde hai 55 anos, que emprega a 400 persoas e que aposta pola Comunidade para desenvolver a súa I+D+i. Neste caso aporta toda a súa experiencia en deseño e desenvolvemento de compoñentes.

Xunto con esta empresa, o CTAG suma o seu coñecemento en electronificación, validación, asesoramento no eido da Industria 4.0 e acompañamento na execución de proxectos innovadores. “Así é como se fai Industria 4.0, así é como se innova e así é como podemos crecer. O traballo conxunto de MGI Coutier e o CTAG permitirá desenvolver novos produtos con novos procesos”, explicou o conselleiro.

Neste sentido, Conde puxo a UMI como exemplo do camiño que Galicia debe seguir para conseguir os seus obxectivos de estar á vangarda no eido da automoción e consolidar a Comunidade como referente neste campo. Só será posible, asegurou, desde a unidade de acción de todos os axentes implicados.

O programa de Unidades Mixtas de Investigación puxo en marcha, nas súas tres convocatorias en funcionamento, 24 proxectos nos que participan unha trintena de grandes multinacionais de referencia no sector e na innovación que mobilizan 84 millóns de euros e crean 360 empregos cualificados. Proximamente, a Consellería de Economía, Emprego e Industria resolverá a cuarta convocatoria á que se destinan 5 millóns de euros para a mobilización de 17 millóns e a xeración de 60 postos de traballo.