Feijóo anuncia un novo impulso á Compra Pública Innovadora para que Galicia siga sendo líder neste ámbito a nivel nacional

2017-07-13
  • A nosa Comunidade executou os 40% dos fondos dedicados a isto a nivel español entre 2007 e 2013
  • Galicia gañou dous Premios Nacionais de Innovación por iniciativas de Compra Pública Innovadora: un por Innova Saúde e Hospital 2050 e outro pola Civil UAVs Initiative de Rozas
  • Un dos catro eixos do Programa Innpulsa CPI inclúe a segunda convocatoria de Compra Pública Innovadora, que sumará 31 millóns de euros aos 211 millóns que xa se están a mobilizar neste eido

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2017.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que Galicia dará un novo impulso á Compra Pública Innovadora para seguir sendo líder nacional no uso desta ferramenta, da que a nosa comunidade executou o 40% dos fondos a nivel español entre 2007 e 2013. Para iso, o Consello revisou o Programa Innpulsa CPI, que ten o obxectivo de afondar no coñecemento e o emprego desta modalidade de contratación pública.

A Compra Pública Innovadora consiste en que unha Administración pública contrate un produto ou servizo que aínda non existe, de xeito que contribúa a financiar o I+D+i necesario para o seu lanzamento. Consta de dúas etapas: primeiro, unha sondaxe ao mercado para saber o que existe; despois, unha licitación para contratar o que se necesite. “A Administración non pide un produto concreto, senón que pide unha solución concreta”, resumiu Feijóo.

O Programa Innpulsa CPI consta de catro eixos principais. O primeiro, Innpulsa Demanda Pública, busca reforzar o coñecemento da Compra Pública Innovadora dentro da propia Xunta. Para iso vanse realizar cursos de especialización na EGAP e online, ademais de constituír un observatorio de innovación onde se poida experimentar en busca de solucións innovadoras. Este observatorio botará a andar con cinco consellerías implicadas.

Segunda convocatoria de Compra Pública Innovadora

O segundo eixo do plan é o máis importante a nivel económico: Innpulsa Proxectos CPI inclúe a segunda convocatoria de Compra Pública Innovadora, que sumará 31 millóns de euros aos 211 millóns que xa se están a mobilizar neste eido. Con esta ferramenta financiáronse proxectos como o Innova Saúde-Hospital 2050 ou o Civil UAVs Initiative de Rozas, ambos merecedores de senllos Premios Nacionais de Innovación. Ademais, a segunda póla do programa comprende tamén un programa de colaboración cos concellos galegos que queiran aplicar esta ferramenta.

En terceiro lugar, Innpulsa Difusión CPI pretende impulsar a cultura innovadora en Galicia e o coñecemento desta modalidade de contratación pública. Para isto, creará a Alianza galega pola Compra Pública Innovadora (con participación da Xunta, concellos, grandes empresas, pemes e clústers), o premio “Funcionario innovador” a aqueles que lanzasen unha licitación deste tipo, e a organización en Galicia do Foro Iberoamericano da CPI, un evento de referencia internacional que contaría coa colaboración da OCDE e do Banco Interamericano de Desarrollo.

A última pata do programa é Innpulsa Tecido Empresarial Innovador, que busca mellorar o coñecemento da Compra Pública Innovadora entre as empresas. Farao por dúas canles diferentes: desde a oferta, axudando a empresas e centros de coñecemento a presentarse a licitacións de CPI a nivel internacional, e desde a demanda, desenvolvendo proxectos innovadores con dúas empresas líderes.