A Xunta destaca a colaboración da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España nos 25 anos de Tecnópole

2017-07-06
  • O Parque Tecnolóxico de Galicia acolleu hoxe a asemblea anual de APTE coincidindo coa conmemoración do seu 25 aniversario
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou o papel dos parques científicos e tecnolóxicos no crecemento económico e a diversidade das entidades que agrupan

San Cibrao das Viñas (Ourense), 6 de xullo de 2017.- A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, deu a benvida esta mañá aos asistentes á asemblea xeral da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE) que se celebrou esta mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), coincidindo coa conmemoración do seu 25 aniversario.

Patricia Argerey agradeceu o acompañamento de APTE neste cuarto de século, no que Tecnópole acolleu dúas conferencias internacionais de parques e no que a asociación contribuiu á evolución e crecemento de Tecnópole, que actualmente acolle preto de 300 empresas e centros de coñecemento.

Dos 48 socios que conforman actualmente APTE figuran dous galegos: Tecnópole e o Parque Tecnolóxico de Vigo, que, segundo Argerey, son exemplo de concentración do talento innovador de Galicia. Destacou tamén que as entidades que forman parte de ambos parques son un foco de emprendemento innovador; de coñecemento listo para ser transferido dende os centros tecnolóxicos e de investigación; e de pemes capaces de gañarse un posicionamento competitivo no mercado internacional a través da innovación.

Un exemplo do importante labor dos parques científico-tecnolóxicos no crecemento económico, motivo que xustifica o apoio que reciben por parte da Xunta de Galicia, é que non soamente prestan servizos avanzados e especializados de apoio, senón que promoven iniciativas que benefician a todo o tecido empresarial galego, como o programa Agrobiotech. Esta aceleradora de innovación de pemes dos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa, coordinada por Tecnópole xunto á Axencia Galega de Innovación, ten en marcha a súa segunda edición, na que participan dez empresas de toda Galicia.

Ademais, Argerey destacou a diversidade dos parques científico-tecnolóxicos, que no caso de Tecnópole se plasma en que inclúe desde un niño de empresas até a empresa que conseguiu a máxima puntuación no índice Innobench (termómetro da posición innovadora das empresas galegas posto en marcha hai máis dun ano pola Xunta de Galicia), Egatel, ou start-ups como Xesol Innovación que presentou hai uns meses un sistema autónomo de asistencia á condución e que está valorada en 230 millóns de euros.