Conde avoga polo impulso ao sector TIC para acadar unha transformación tecnolóxica baseada no talento e a innovación

2017-06-27
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salienta na clausura da xornada Galicia TIC 2017 que o nivel de competitividade industrial vén marcado pola capacidade do tecido empresarial para innovar máis e mellor
  • Afirma que falar en Galicia de innovación é referirse ao polo aeronáutico de Rozas ou á diversificación do naval cara á eólica offshore
  • As axudas do ReAcciona TIC facilitaron na súa primeira edición o acceso de 65 pemes a servizos de dixitalización empresarial
  • A Axenda Galicia-Industria 4.0 e a Estratexia de Especialización Intelixente RIS3, cun balance satisfactorio nos primeiros anos de vixencia, buscan unha maior presenza das TIC nas empresas galegas

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2017.- O impulso ao sector TIC para acadar unha transformación tecnolóxica baseada no talento e a innovación é unha das prioridades nas que traballa a Xunta de Galicia, segundo destacou hoxe o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, na clausura da xornada Galicia TIC 2017, que se celebra desde onte en Santiago e coa que se está poñendo a proba o fluxo de emprendemento que xera o sector TIC galego. Este ámbito concentra máis de 2400 empresas en Galicia, o que sitúa á Comunidade entre as cinco primeiras en canto á creación de firmas, e dá emprego a máis de 16.000 persoas.

Durante a súa intervención Conde agradeceu en primeiro lugar aos organizadores deste evento, aos premiados e ao resto de participantes o labor que levan a cabo para contribuír a crear en Galicia un ecosistema emprendedor liderado pola innovación e o talento ao máis alto nivel. Así, resaltou que a transformación dixital está cambiando a sociedade, a economía e o modelo produtivo e, por iso, apuntou a importancia de buscar neste ámbito a implicación non só das empresas dos sectores tecnolóxicos, senón tamén do conxunto da industria. “O nivel de competitividade industrial vén marcado pola capacidade do tecido empresarial para innovar máis e mellor”, engadiu Conde, ao tempo que se referiu á necesidade dun impulso transversal ás TIC para adaptar os sectores estratéxicos galegos á revolución tecnolóxica.

O titular de Economía sinalou que falar en Galicia de innovación é falar do primeiro coche autónomo que circulou polas estradas galegas partindo do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), en Vigo, do polo aeronáutico de Rozas ou da diversificación do naval galego cara á eólica offshore, como ocorre xa nos estaleiros de Navantia.

Para apoiar a innovación e o desenvolvemento do sector TIC, a Xunta conta con diferentes ferramentas, como as axudas ReAcciona TIC coas que na súa primeira edición se facilitou o acceso de 65 pemes galegas a servizos de dixitalización empresarial. Ademais, a Axenda Galicia-Industria 4.0 ou a Estratexia de Especialización Intelixente RIS3 contan tamén cun balance satisfactorio nos seus primeiros anos de vixencia para conseguir unha maior presenza das TIC nas empresas galegas.

A Axenda 4.0 contou cun orzamento inicial de 120 millóns de euros e impulsou accións por valor de 143 millóns, un 19% máis do previsto. Isto supuxo un investimento público-privado de 342 millóns de euros, que beneficiaron a 4200 empresas e facilitaron a creación de 11.500 novos postos de traballo no eido industrial. Para o período 2017-2018 o investimento alcanza os 175 millóns, un 46% máis que o previsto inicialmente no bienio anterior.

Con respecto á RIS3, esta folla de ruta logrou mobilizar preto de 800 millóns de euros en proxectos para promover a Industria 4.0 ou a diversificación en varios sectores. As pemes foron as grandes destinatarias de case a metade dos apoios concedidos, o que contribuíu a materializar os seus plans de expansión internacional e de creación de emprego de calidade.

Para estimular o talento, o Goberno galego tamén conta coa Rede Galega de Aceleradoras, que nos últimos 4 anos logrou desenvolver 500 proxectos que mobilizaron 14 millóns, ou cos programas Connecting for Good Galicia, en colaboración con Vodafone, ou o Galicia Open Future, con Telefónica, para promover o emprendemento innovador.

Conde, para rematar, asegurou que a Xunta seguirá apoiando o impulso á innovación porque, segundo matizou, nace do talento e xera emprendemento. “A innovación é o encontro afortunado entre as ideas e o talento”, subliñou. Na Xunta, tal e como afirmou, búscase achegar o coñecemento a onde están as ideas e, para iso, o Goberno galego apoia non só o proceso de transformación dixital da industria, senón que aposta por que sexa a semente de novas empresas. Porque, tal e como concluíu, “en Galicia hai talento, hai emprendemento e hai unha vontade decidida por que Galicia sexa un polo tecnolóxico”.