A Xunta lidera un proxecto europeo para transferir ao sector naval e metalmecánico as tecnoloxías da industria 4.0

2017-06-27
  • No proxecto, financiado a través do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), participan seis entidades lusas e galegas
  • A reunión de arranque desta iniciativa celebrouse hoxe no CIS Galicia coa participación da Axencia Galega de Innovación, Aimen e Aclunaga, por parte de Galicia, e o Centro de apoio tecnolóxico á industria metalmecánica, o Instituto de Enxeñaría de Sistemas e Computación, e a Axencia Nacional de Innovación por parte de Portugal

Ferrol, 27 de xuño de 2017.- A Xunta lidera un proxecto europeo para transferir de maneira efectiva á industria do sector naval e metalmecánico novas tecnoloxías de fabricación avanzada, buscando avanzar na implantación da Fábrica 4.0.

A reunión de arranque desta iniciativa, denominada “Desenvolvemento e implementación de tecnoloxías intelixentes e innovadoras en sectores naval e metalmecánico: MANUFACTUR4.0”, está encadrada no Programa Interreg V-A España- Portugal 2014-2020 (POCTEP), tivo lugar hoxe no CIS Galicia, situado en Ferrol.

O encontro contou coa asistencia de técnicos das seis entidades participantes: Axencia Galega de Innovación, como beneficiario principal; o centro tecnolóxico AIMEN e o Clúster do Naval (ACLUNAGA) desde Galicia; e o Centro de apoio tecnolóxico á industria metalmecánica (CATIM), o Instituto de Enxeñaría de Sistemas e Computación (INESCTEC), e a Axencia Nacional de Innovación (ANI) desde Portugal.

Ao longo da reunión concretáronse as actividades inmediatas a realizar polos socios, así como o conxunto de obxectivos e tarefas deste proxecto que ten a súa data de finalización en decembro de 2019. MANUFACTUR4.0 conta cun financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) de 1,5 millóns de euros.

Colaboración Galicia-Portugal no ámbito da fabricación avanzada

MANUFACTUR4.0 busca mellorar a participación do tecido empresarial galego e portugués nos procesos de innovación e nas actividades de I+D+i máis próximas ao mercado. Máis concretamente, este proxecto persegue transferir de xeito efectivo novas tecnoloxías de fabricación avanzada e baixo custo á industria do sector naval-metalmecánico e intensificar as relacións entre os centros de investigación e as empresas, facendo especial fincapé na divulgación dos beneficios que a Fábrica 4.0 pode aportar ao cambio, crecemento e modernización do sector transfronteirizo.

Para iso estudarase e recollerase o coñecemento que xa existe na Eurorrexión; detectaranse os aspectos que precisan mellorar; deseñaranse e elaboraranse demostradores de certas tecnoloxías punteiras; definiranse e desenvolveranse actividades formativas; e comunicarase á sociedade que é e que aporta a Industria 4.0.

Como resultado destas tarefas agárdase dispor, a medio-longo prazo, dunha estrutura de colaboración conxunta con amplo coñecemento neste ámbito, formado por empresas e centros de coñecemento, ao que novas empresas poidan achegarse e solicitar apoio na implantación das solucións máis axeitadas en cada caso, así como dun tecido industrial con alta capacidade técnica, tanto en desenvolvemento, como en implementación e explotación de tecnoloxías de fabricación. O obxectivo é demostrar ademais que esas solucións novidosas 4.0 poden e deben xerarse na propia Euro-rexión.