A Xunta destina unha achega de 56 millóns para apoiar novos proxectos industriais no eido da automoción e das TIC e avanzar cara a fábrica intelixente

2017-06-22
  • Feijóo afirma que os proxectos, pertencentes a PSA Peugeot e a Televés e seleccionados tras unha convocatoria pública en concorrencia competitiva, permitirán atraer investimentos e avanzar no novo modelo industrial baseado na innovación; e fixar tecido industrial e crear postos de traballo de calidade
  • Precisa que, cun investimento total de 168 millóns de euros nas dúas iniciativas, as empresas implicadas comprométense a que, ademais do proxecto tecnolóxico, a fase de industrialización se desenvolva en Galicia
  • Anuncia que a iniciativa F4.0 de automoción, impulsada por PSA en colaboración co CTAG, suporá un investimento de máis de 145 millóns, contando cunha axuda pública de preto de 50 millóns que deberá ser aprobada pola Comisión Europea
  • Indica que o proxecto Corp4future presentado pola corporación Televés, conta cun investimento de 23 millóns de euros, dos cales 5,7 serán achegados pola Xunta, e buscará mellorar os seus procesos produtivos a través do uso de novas tecnoloxías

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2017.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha achega de 56 millóns de euros para apoiar novos proxectos industriais no eido da automoción e das TIC e avanzar de cara a fábrica intelixente.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo afirmou que os proxectos, pertencentes a PSA Peugeot e á corporación Televés e seleccionados logo dun proceso de consulta ao mercado e unha convocatoria pública en concorrencia competitiva, permitirán: atraer investimentos a Galicia e avanzar no novo modelo industrial baseado na innovación; fixar tecido industrial e crear postos de traballo de calidade; e incrementar a competitividade de dúas industrias cun gran peso na economía da comunidade.

Nesta liña, precisou que as empresas implicadas, que investirán un total de 168 millóns de euros nas dúas iniciativas, comprométense a que, ademais do proxecto tecnolóxico, a fase de industrialización se desenvolva en Galicia.

En relación á iniciativa F4.0 de automoción, impulsada por PSA, en colaboración co CTAG, o titular do Goberno galego anunciou que suporá un investimento de máis de 145 millóns de euros, contando cunha axuda pública de preto de 50 millóns que deberá agora ser aprobada pola Comisión Europea.

O proxecto terá por obxectivo concibir, deseñar, construír e validar unha planta piloto de factoría 4.0, que permitirá a Vigo ser a referencia mundial do grupo neste eido tendo en conta o concepto de fábrica estendida. Así, esta iniciativa abranguerá a toda a cadea de valor, incluíndo os provedores de compoñentes e subministracións, a distribución de vehículos rematados e incluso puntos de venda e usuarios finais.

Tamén se buscará o desenvolvemento de compoñentes novos que poidan cubrir as novas expectativas dos clientes, respectando as máis altas esixencias ambientais e incorporando estas novas tecnoloxías a vehículos a un custo competitivo. Ademais, validaranse os novos procesos e produtos desenvolvidos mediante a construción e o ensaio de distintos prototipos de vehículos e das instalacións que se integren na planta piloto.

Con respecto a isto, sinalou a importancia de innovar cunha planta piloto de 4.0 da automoción en Vigo para descubrir novos compoñentes en materiais.

Sobre o proxecto Corp4future presentado pola corporación Televés, Feijóo explicou que cun investimento de 23 millóns de euros, dos cales 5,7 serán achegados pola Xunta, a compañía buscará mellorar os seus procesos produtivos a través do uso de novas tecnoloxías como: realidade aumentada, robótica e novos métodos de fabricación de placas impresas, entre outros.

Non en van, entre os obxectivos do proxecto atópanse: a apertura de novos mercados a partir da mellora da produtividade e do desenvolvemento de novas liñas; a mellora dos sistemas de información e da comunicación entre a corporación e os seus clientes de xeito que se poida ofrecer un produto máis personalizado e flexible de acordo cos paradigmas da Industria 4.0; e o desenvolvemento dun prototipo global que sirva como demostrador das novas capacidades adquiridas.

Feijóo concluíu afirmando que co apoio a estas dúas novas iniciativas avánzase no reto de conseguir un novo modelo industrial sustentado na máxima innovación posible.