A Xunta informa sobre as oportunidades de financiamento a pemes no marco do programa europeo Horizonte 2020

2017-06-06
  • A convocatoria Instrumento Peme ofrece 3.000 millóns de euros para apoiar proxectos de innovación empresarial de pemes europeas ata 2020
  • Un total de 16 empresas galegas resultaron beneficiarias desta convocatoria no período 2014-2017, obtendo un apoio superior aos 4 millóns de euros

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2017.- A Axencia Galega de Innovación (GAIN) acolleu esta mañá unha xornada informativa sobre a convocatoria Instrumento Peme do programa de I+D+i da Comisión Europea Horizonte 2020. O obxectivo desta xornada, organizada por GAIN en colaboración co Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), foi ofrecer as claves na preparación de propostas para esta convocatoria e resolver dúbidas dos asistentes. Esta sesión inscríbese nun ciclo de infodays sobre Horizonte 2020 (H2020) que comezou o pasado mes de maio e pecha o vindeiro 15 de xuño cunha xornada centrada nas tecnoloxías emerxentes.

Neste acto, ademais de Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación, interviron Esther Casado, o punto nacional de contacto de pemes de H2020, quen explicou as claves da convocatoria; un experto avaliador de H2020 da consultora Econet, David Seoane, que achegou recomendacións e estratexias na preparación de propostas; o director de Innovación da empresa Nanoimmunotech, Christian Sánchez, que expuxo o caso da súa empresa como beneficiaria da convocatoria; e Carlos Sánchez, técnico de GAIN, para explicar o servizo de apoio que ofrece este departamento como membro da rede Enterprise Europe Network.

Instrumento de financiamento específico para pemes

Patricia Argerey explicou na súa intervención, durante a inauguración da xornada, que Instrumento Peme é a convocatoria específica do programa H2020 para o financiamento de proxectos de innovación empresarial das pemes. Dotada con 3.000 millóns de euros ata 2020, está dirixida a pemes altamente innovadoras que desenvolvan actividades próximas ao mercado, co obxectivo de dar un pulo definitivo, non só a través de financiamento senón tamén ofrecendo servizos avanzados de coaching.

Dende a súa posta en marcha en 2014, 16 pemes galegas resultaron beneficiarias desta convocatoria (2 delas obtiveron apoio en dúas fases do proxecto), obtendo máis de 4 millóns de euros de axuda e mobilizando preto de 6 millóns de euros. Pola súa parte, España é o país líder en captación de fondos e proxectos dentro desta convocatoria, con 509 beneficiarios e máis de 180 millóns de euros mobilizados. No conxunto do programa H2020, Galicia dobrou os fondos conseguidos respecto do Sétimo Programa Cadro e multiplicou por tres a porcentaxe de proxectos liderados por entidades galegas.

Argerey informou aos asistentes dos servizos de asesoramento e preparación de propostas que ofrece GAIN para Instrumento Peme, como membro da rede Entreprise Europe Network. Das 16 empresas galegas beneficiarias do Instrumento Peme, 14 delas fixeron uso do apoio de GAIN.