A Xunta destaca a participación do tecido empresarial galego no polo tecnolóxico e industrial de vehículos non tripulados

2017-05-04
  • A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, subliñou a oportunidade que ofrece a fase de solucións da Civil UAVs Iniatitive ás pemes
  • A empresa galega Aeromedia, que participa na iniciativa promovida pola Xunta, realizou esta mañá unha demostración do sistema Lidar no aeródromo de Rozas

Castro de Rei (Lugo), 4 de maio de 2017.- A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, destacou hoxe nunha demostración organizada pola empresa de Oleiros especializada en drons Aeromedia as oportunidades que ofrece ás pemes galegas o polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados que está a impulsar a Xunta, en especial a través da fase de Solucións, destinada á compra e adaptación de propostas tecnolóxicas innovadoras baseadas no uso de vehículos aéreos non tripulados (UAVs) que dean resposta ás demandas concretas na prestación de determinados servizos. Argerey lembrou que nos vindeiros meses está previsto publicar sete licitacións neste ámbito, ás que a Xunta destinará 14 millóns de euros.

Un exemplo deste aproveitamento por parte do tecido empresarial galego é a empresa galega Aeromedia, líder en filmación con drons en España e que vén de chegar a un acordo coa compañía estadounidense Phoenix Lidar Systems para distribuír en España e Portugal os seus equipamentos. Aeromedia participa activamente na Civil UAVs Initiative, tanto na fase de I+D, a través dunha subcontratación coa multinacional Indra, como na fase de solucións, á que presentaron no proceso de consultas preliminares ao mercado catro propostas de solucións tecnolóxicas innovadoras como líderes e outras dúas como socios, nos ámbitos da xestión do territorio, control pesqueiro, gardacostas, xestión de emerxencias e xestión forestal.

Na xornada de hoxe, celebrada no aeródromo de Rozas, Aeromedia xunto á empresa americana Phoenix Lidar Systems, presentaron as posibilidades do sistema Lidar, que permite adquirir de forma masiva información xeoespacial e coa que comezarán a operar en breve. A demostración consistiu nun escaneado das instalacións, tanto da parte de infraestruturas como a forestal adxacente.

En total, a Civil UAVs Initiative está a mobilizar 150 millóns de euros; 115 millóns de euros a través da fase de I+D en colaboración coas empresas Babcock e Indra; 10 millóns de euros investidos no Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) e 24 millóns de euros na fase de solucións grazas a un convenio co Ministerio de Economía, Industria y Competitividad para o desenvolvemento de proxectos de Compra Pública Innovadora.