A Xunta impulsa a innovación nas pemes e o emprego tecnolóxico caulificado coa nova edición da aceleradora Agrobiotech

2017-05-04
  • A iniciativa, que se enmarca na Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020, estará destinada a empresas xa constituídas nos sectores estratéxicos da biotecnoloxía, agroalimentación e biomasa para favorecer o crecemento sustentable
  • O obxectivo é impulsar a engalaxe das empresas innovadoras galegas en fase de crecemento e o fortalecemento do emprego tecnolóxico cualificado a través dun plan de traballo personalizado e práctico
  • A actuación, que conta cun orzamento de 500.000 euros, beneficiará este ano ata un máximo de 10 pemes innovadoras e a convocatoria abrirase mañá na web do programa incluíndo novidades especialmente destinadas a aumentar a individualización dos servizos
  • As empresas situadas en Lugo e Ourense obterán unha maior puntuación co obxectivo de fixar poboación no rural
  • As 11 empresas que participaron na primeira edición de Agrobiotech recomendan o programa e a maioría prevé xerar emprego, mellorar a súa xestión e abrir novas liñas de negocio
  • O programa forma parte da Rede galega de aceleradoras a través da que se desenvolveron 500 proxectos que supuxeron a mobilización de 14 millóns de euros

A Xunta reforzará o impulso que está a dar á innovación das pemes galegas cunha segunda edición do programa Agrobiotech, unha aceleradora de empresas dirixida a potenciar o despegue das empresas innovadoras dos sectores da biotecnoloxía, agroalimentación e biomasa en fase de crecemento e a fortalecer o emprego tecnolóxico cualificado a través dun plan de traballo personalizado e práctico. O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura do convenio de colaboración para o desenvolvemento deste programa que conta cun orzamento de 500.000 euros. Deste xeito, mañá mesmo está previsto abrir durante un mes a convocatoria para a selección das empresas participantes na páxina web do programa http://agrobiotech.gal.

A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que se enmarca na Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), está destinada a pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica. O programa busca, ademais, a vertebración do interior de Galicia, Lugo e Ourense. Por iso, as empresas situadas nestas provincias terán unha puntuación maior no proceso de selección, co obxectivo de fixar poboación no rural, unha das prioridades do Goberno galego. Así mesmo, exixirase que as firmas, xa constituídas, teñan facturación no ano 2016, ao tempo que se valorará o incremento de volume de negocio nos tres últimos anos.

Esta aceleradora de empresas inclúe este ano novidades especialmente destinadas a aumentar a individualización dos servizos e céntrase en dous grandes grupos de actuacións. En primeiro lugar, un itinerario personalizado de aceleración para as empresas seleccionadas, ata un máximo de 10, que poderán beneficiarse dos servizos incluídos nun programa de traballo individualizado e a medida deseñado por titores especialistas e orientado cara a cumprir catro obxectivos: a mellora da facturación e innovación das empresas; dos seus produtos innovadores no mercado; das vendas no exterior e internacionalización; e da captación de financiamento externo.

Agrobiotech, en segundo lugar, inclúe accións transversais nas que poden participar as empresas beneficiarias da primeira edición da iniciativa, como é o II Encontro Agrobiotech Innovación orientado a profesionais e axentes referentes. Como novidade nesta edición buscarase a participación activa dos clústers, centros tecnolóxicos e empresas tractoras referentes. O pasado ano tomaron parte neste congreso 330 participantes de España, Francia e Portugal con 56 relatores expertos, 28 expositores de produtos e servizos innovadores e a realización de máis de 130 reunións one to one. Tamén se inclúe unha continuidade da Lonxa de inversores BIO, no que as pemes poden formarse e recibir titorización para mellorar o seu plan de negocio, e unha avaliación dos resultados das 11 empresas que tomaron parte na primeira edición deste programa.

A primeira edición

A valoración das compañías que tomaron parte precisamente foi alta con respecto aos seus resultados: o 100% recomendan o programa; o 82% das pemes prevén xerar emprego; e o 73% reportan mellora da xestión e apertura de novas liñas de negocio. Ademais, é preciso destacar que as novidades incluídas na edición deste ano son froito dunha avaliación que a Xunta fixo das accións realizadas tanto por parte das empresas como por parte das entidades colaboradoras (Tecnópole, Cetal, Clusaga, Asebio e Bioga).

En definitiva, este programa está orientado a aumentar o potencial innovador das pemes galegas, favorecer o desenvolvemento de novos produtos innovadores, establecer relacións con novos socios e facilitar a transferencia de información entre empresas. O que se persegue é favorecer a consolidación das empresas e o seu crecemento sustentable.

Agrobiotech forma parte da Rede galega de aceleradoras a través da cal se desenvolveron, nos catro últimos anos, 500 proxectos que supuxeron a mobilización de 14 millóns de euros. Entre as aceleradoras postas en marcha destacan VíaGalicia, en coordinación coa Zona Franca, que tras desenvolverse en Lugo e Ourense, está na súa fase final con proxectos onde se presta especial atención á Industria 4.0; os coworking que se realizan en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI); colabórase tamén con Vodafone na iniciativa Connecting for Good Galicia; con Telefónica no programa Galicia Open Future; con PSA e Ceaga, na Business Factory Auto de Vigo; e, por último, están en marcha 6 novas aceleradoras centradas en proxectos de I+D+i apoiados desde o ámbito privado.

Os tres sectores emerxentes nos cales se centra Agrobiotech están a ser impulsados pola Xunta con diferentes iniciativas: a biotecnoloxía a través da Estratexia de impulso á biotecnoloxía na que a Xunta leva investidos preto de 20 millóns en menos dun ano, que implican unha mobilización total de case 40 millóns; a biomasa a través da Estratexia integral de impulso á biomasa coa que se pretende aforrar 70 millóns anuais na compra de combustibles fósiles e crear 1000 novos postos de traballo; e a agroalimentación a través dun novo programa pioneiro en Galicia, dotado de 90 millóns, que permitirá impulsar a contratación laboral de 10.000 menores de 30 anos neste sector e na Industria 4.0.