Tecnópole aloxará durante un ano os proxectos gañadores da VI edición dos premios Incuvi-Emprende da Universidade de Vigo

2017-04-27
  • O Parque Tecnolóxico de Galicia ofrece gratuitamente durante un ano a estadía dos catro proxectos finalistas e acceso aos servizos comúns
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, asistiu hoxe ao acto de entrega da sexta edición dos premios Incuvi-Emprende e a segunda de Incuvi-Avanza, convocados pola Universidade de Vigo coa colaboración de Tecnópole
  • A participación nesta iniciativa súmase a outros instrumentos da Xunta de apoio ao emprendemento innovador como a Rede galega de aceleradoras e os fondos de capital risco

San Cibrao das Viñas (Ourense), 27 de abril de 2017.- A directora da Axencia Galega de Innovación e vicepresidenta do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), Patricia Argerey, deu a benvida aos novos inquilinos do centro durante a entrega da 6ª edición dos premios Incuvi-Emprende e da 2ª edición dos Incuvi-Avanza, convocados pola Universidade de Vigo e nos que Tecnópole colabora cedendo o espazo no seu niño de empresas, durante un ano, aos catro proxectos gañadores no campus de Ourense.

En concreto, os proxectos que se aloxarán no edificio CEI do Parque son Kuatro Marketing Digital, de Andrés López Fernández; Nutrición integral en tu empresa, de Melanie Sol Biloni; Ouvir, de Estefanía Estévez Cacheiro; e Ridesport, de Eva Robledo Rivera. A directora aproveitou para poñer á súa disposición todos os servizos e espazos que Tecnópole ofrece ás empresas e centros tecnolóxicos.

Argerey tamén lembrou o apoio da Xunta ao emprendemento innovador e destacou neste ámbito dous instrumentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria: a Rede de Aceleradoras de Galicia e os fondos de capital risco. A través da primeira, ofrécese formación e financiamento a ideas empresariais innovadoras, o que permitiu apoiar máis de 500 proxectos nos últimos catro anos a través dun investimento de 12 millóns de euros. Nela inclúense iniciativas como Vía Galicia, a Business Factory Auto ou Agrobiotech. Por outra banda, os fondos de capital risco XesInnova, I2C e Galicia Iniciativas Emprendedoras xa levan apoiado 60 iniciativas empresariais a través de participación en capital ou préstamos por preto de 12 millóns de euros.

Os premios Incuvi-Emprende e Incuvi-Avanza

O obxectivo dos premios Incuvi-Emprende é fomentar o espírito emprendedor entre estudantes e persoas egresadas da Universidade de Vigo a través dun concurso de ideas que proporciona, aos proxectos emprendedores dos tres campus, un programa de preincubación dun ano. Mentres, a finalidade dos premios Incuvi-Avanza é ampliar o apoio, durante un ano máis, a aqueles proxectos empresariais galardoados na convocatoria anterior dos premios Incuvi que resulten máis viables.

A Universidade de Vigo ofrece as actividades formativas e de asesoramento e titorización dos proxectos no caso dos premios Incuvi-Emprende, así como tamén a estadía no seu Centro de Investigación, Transferencia e Innovación de Ourense (CITI) para o premiado Incuvi-Avanza no Campus de Ourense.