Conde subliña que a innovación, a industria 4.0 e a formación centran a estratexia da automoción galega para crecer

2017-04-26
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salienta que a cooperación entre os distintos axentes está permitindo ao sector anticiparse aos novos escenarios e potenciar a súa competitividade
  • Apunta que a Xunta está a ofrecer ás empresas as maiores vantaxes para producir en Galicia e para instalarse na comunidade
  • Sinala que a futura Lei da implantación empresarial permitirá simplificar e axilizar os trámites administrativos para poder poñer en marcha un proxecto industrial

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe no Parlamento que a innovación, a Industria 4.0 e a formación centran a estratexia da automoción galega para consolidar o xa existente e para crecer e lograr investimentos que completen a cadea de valor. Unha estratexia na que, tal e como subliñou Conde, cooperan a Administración galega, o clúster Ceaga, os centros de coñecemento e as propias empresas, e que está a permitir ao conxunto desta industria anticiparse aos novos escenarios e potenciar a súa experiencia e a súa capacidade de competir.

Conde fixo fincapé en que o sector foi un dos primeiros en recuperarse e crear emprego, e conseguiu proxectos clave de futuro como os dous novos modelos de PSA, que garanten o emprego para os próximos dez anos. Salientou que, segundo os datos do propio clúster, o emprego na industria da automoción crece, e así, desde o ano 2012 hai 1.350 novos empregos máis, alcanzando a cifra de preto de 20.000 postos de traballo directos. Lembrou así mesmo que o sector leva investido nos últimos cinco anos máis de 1.000 millóns de euros na comunidade, e que prevé invertir outros 3.000 millóns.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria salientou tamén que o obxectivo é consolidar o talento e a innovación nas credenciais do sector da automoción de Galicia para contribuír ao progreso e á calidade de vida da contorna, tal e como recolle o Plan Estratéxico de Ceaga, plenamente integrado na Estratexia de Especialización Intelixente RIS3 e na Axenda Galicia-Industria 4.0

Conde apuntou que o feito de que entre 2015 e 2016 o sector investiu un 50% máis, ata acadar os 110 millóns de euros, en I+D+i, é unha mostra da aposta pola innovación, que nos últimos anos vai da man da Industria 4.0 e os avances das tecnoloxías dixitais, non só na planta de Citroën senón en toda a industria de compoñentes.

Neste eido destacou as oito Unidades Mixtas de Investigación que se desenvolven na automoción galega, os 21 proxectos de innovación a través do programa Conecta Peme, ou o proxecto piloto 4.0 que lidera Ceaga para situar a industria auxiliar na vangarda da fábrica do futuro, e a Business Factory Auto.

Proxectos todos eles, segundo apuntou Conde, cun perfil claramente vinculado á Industria 4.0 e a crear valor ao ser competitivos e diferenciados, precisamente pola innovación, aos que a Xunta leva destinados 60 dos máis de 100 millóns de euros outorgados ao sector nos últimos anos, que levan mobilizado case 670 millóns de euros. No ámbito da formación, a Xunta está a traballar nun plan específico que estará dirixido especialmente á industria de compoñentes.

Por outra banda, o conselleiro incidiu en que se están a ofrecer ás empresas as maiores vantaxes para producir desde Galicia e para instalarse na comunidade. Sinalou así mesmo que a Xunta vén de reunirse coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para analizar liñas de colaboración presentes e futuras, que permitan facilitar a implantación e fixación de empresas na comunidade. Estas medidas completaranse coa futura Lei da implantación empresarial, que permitirá simplificar e axilizar os trámites administrativos para poder instalar un proxecto industrial en territorio galego, e incluirá axudas e beneficios fiscais para o desenvolvemento da actividade empresarial. Unha Lei na que os empresarios e os emprendedores tamén poden participar a través dunha plataforma online na que poden trasladar as súas propostas.