A Xunta e a USC poñen en común as súas iniciativas de apoio ao emprendemento innovador e á transferencia de coñecemento

2017-04-20
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e o director do Igape, Juan Cividanes, reuníronse con representantes da Universidade de Santiago de Compostela no ámbito da transferencia de coñecemento e o emprendemento
  • A Rede galega de aceleradoras, os fondos de capital risco e o programa Galicia Emprende son algúns dos instrumentos de apoio que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon á disposición dos emprendedores

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2017.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o director do Igape, Juan Manuel Cividanes Roger, reuníronse esta mañá no edificio Emprendia en Santiago de Compostela con representantes das áreas de emprendemento, transferencia do coñecemento e valorización da Universidade de Santiago de Compostela para coñecer de primeira man os programas de transferencia postos en marcha pola institución académica e os seus resultados, así como visitar varios casos de éxito de empresas xurdidas da propia universidade que teñen a súa sede no edificio como Situm, HGBeyond e DART.

No encontro participaron José Luis Villaverde Acuña, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento, José Manuel Cotos Yáñez, adxunto ao reitor para temas relacionados con Transferencia, Innovación e Emprendemento, e Alfredo Bermúdez de Castro, asesor para temas de emprendemento.

O apoio ao emprendemento innovador é unha prioridade para a Consellería de Economía, Emprego e Industria e así, tal e como apuntou a directora de Gain, unha das prioridades do seu departamento, xunto á captación e a retención de talento, é a transferencia de coñecemento ao mercado. Lembrou que neste ámbito a Xunta, no marco da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) conta con varios instrumentos de apoio como o programa Ignicia, os fondos de capital risco Xesinnova e I2C, as Unidades Mixtas de Investigación e a Rede galega de aceleradoras.

Ademais, o Igape ten actualmente activados os programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende, dotados conxuntamente con 7,5 millóns de euros en axudas. Así, a través de ambos programas, duplícase o orzamento das convocatorias de axudas directas do Igape para proxectos de emprendemento con respecto ao ano pasado. A presentación de solicitudes á primeira convocatoria do Galicia Emprende estará aberta ata o 20 de xuño, e irá seguida doutras convocatorias, a partir do 30 de xuño e do 10 de outubro, para facilitar a presentación de novos proxectos. Este programa compleméntase coa primeira edición do Galicia Rural Emprende, especialmente deseñado para promover a diversificación e a creación de novas empresas non agrícolas no ámbito rural. Este programa está dotado con 2,5 millóns de euros, e o prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o próximo 2 de maio.