Educación mobiliza preto de 9 millóns ata 2020 para internacionalizar, especializar e consolidar o talento investigador do SUG

2017-04-10
  • A convocatoria de 2017 de axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades galegas, nos organismos públicos de investigación e noutras entidades do sistema posibilitará 71 novos contratos científicos
  • O importe máximo de cada axuda oscilará entre os 35.500 euros e os 45.500 brutos anuais para a modalidade A e, para a modalidade B, entre os 44.000 euros e os 49.000 euros
  • A Consellería incrementa o orzamento en ámbalas dúas modalidades co fin de equiparar os apoios aos maiores contratos de investigación que concede o Estado
  • Na selección valorarase a pertenza dos candidatos a grupos de investigación ou ás mellores estruturas de investigación do sistema: as agrupacións estratéxicas consolidadas e os centros singulares de investigación

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mobilizará un total de 8,69 millóns de euros desde 2017 ata 2020 co fin de favorecer a internacionalización, a especialización e a consolidación nas universidades galegas do talento investigador do Sistema Universitario de Galicia (SUG). A convocatoria deste de axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do sistema de I+D+i galego faise, por segundo ano consecutivo, de forma conxunta entre a Consellería e a Axencia Galega de Innovación (GAIN).

A finalidade deste programa de axudas é incrementar a incorporación de persoal investigador ao sistema de I+D+i galego fomentando, na súa etapa inicial, a mobilidade internacional para mellorar a súa formación, e posibilitando a reincorporación nos axentes que conforman o sistema para, con posterioridade, continuar coa súa traxectoria investigadora na institución á que retorna.

Co fin de conseguir este obxectivo, o programa divídese en dúas modalidades de apoio: unha vinculada á internacionalización e especialización no estranxeiro e outra orientada á apertura de liñas propias de investigación no SUG que promovan a consolidación e posterior estabilidade do mellor talento científico galego. En total, esta nova convocatoria permitirá poñer en marcha 71 novos contratos científicos, que se sumarán aos 141 posdoutorais que actualmente están desenvolvendo o seu traballo.

Modalidade A

Deste xeito, a modalidade A consiste nun contrato de dous anos de duración para a realización de estadías no estranxeiro e un contrato de retorno dun ano de duración en Galicia. Poderanse conceder ata 51 axudas, cuxo importe máximo oscilará entre os 35.500 euros e os 45.500 brutos anuais dependendo da zona de destino.

En concreto, na zona 1, que corresponde a Portugal e Andorra, a contía será de 35.500 euros. Esta ascenderá a 41.500 euros se o destino elixido está en Europa (agás Portugal ou Andorra), África ou América, agás Estados Unidos e Canadá. Por último, os posdoutorais que vaian á zona 3 (Canada, Estados Unidos, Asia ou Oceanía), recibirán unha axuda de 45.500 euros brutos anuais. Na fase de retorno a Galicia, os investigadores recibirán un máximo de 39.000 euros anuais.

Con estes contratos, a Consellería confirma a súa aposta decidida por este tipo de modalidade de formación, xa amosada na convocatoria de 2016, na que se deu un paso cualitativo tanto a nivel de investimento, como de beneficiarios e modelo. Deste xeito, cómpre lembrar que as axudas da convocatoria pasada oscilaban entre os 35.000 e os 43.500 euros anuais, polo que a actual establece unha mellora de 2.000 euros na contía máxima.

Modalidade B

O número máximo de contratos que poderán formalizarse con cargo a estas axudas é de 20 por un período de dous anos. En total, os contratos nesta modalidade oscilarán entre os 44.000 euros brutos anuais e os 49.000, nos que se inclúe a axuda complementaria para o establecemento dunha liña propia de investigación, que ascenderá a 25.000 euros (desagregados en 5.000 euros en 2017 e 10.000 en 2018 e 2019).

Na vangarda da investigación estatal

Con este respaldo, lixeiramente superior tamén ao da última convocatoria, os contratos posdoutorais desta modalidade alcanzan en importe aos maiores contratos de investigación que concede o Estado, o que demostra o compromiso da Xunta de Galicia coa formación científica.

Cómpre destacar que o apoio á formación dos recursos humanos é o primeiro chanzo da pirámide coa que a Consellería financia ao sistema galego de investigación, constituída tamén pola captación e retención do talento, polo respaldo aos grupos, así como ás mellores unidades de excelencia do sistema.

De feito, a comisión de selección de candidatos posdoutorais valorará de xeito positivo a pertenza a un grupo con potencial de crecemento ou de referencia competitiva, así como a un grupo de investigación dirixido por persoal investigador contratado ao abeiro do Oportunius. As máximas puntuacións acadaranse se o candidato pertence a unha agrupación estratéxica consolidada ou a un centro singular de investigación, ámbalas dúas unidades recoñecidas o ano pasado como emblemas do sistema galego de investigación.