Conde sinala na asemblea de Aclunaga que o traballo conxunto é o mellor xeito de avanzar cara o naval 4.0

2017-03-29
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou que a escalada na carteira de pedidos do sector en Galicia, con máis de 2.300 millóns de euros nos últimos anos, se debe ao esforzo por incorporar as innovacións e as novas tecnoloxías nos procesos de fabricación
  • Destacou que o naval creou na comunidade máis de 1.000 empregos durante o último ano e que a formación, co novo Plan específico para o sector neste eido, é unha das vías para incrementar estes datos

Santiago, 29 de marzo de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Santiago, durante a clausura da asemblea de Aclunaga, que traballar de xeito coordinado é a mellor maneira de elaborar de forma máis precisa o mapa de necesidades do sector para que estea en disposición de atraer investimentos produtivos que lle permitan avanzar cara o naval 4.0.

No encontro do clúster naval de Galicia, o conselleiro apuntou que, segundo os datos oficiais dos que dispón o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, dos 56 buques civís adxudicados para toda España neste sector, 23 foron encargados a estaleiros galegos, é dicir, preto do 40% do total. Isto sitúa a Galicia, tal e como especificou, como a comunidade autónoma líder en contratación. Lembrou así mesmo que a carga de traballo en carteira ou en estadios finais de negociación no conxunto dos estaleiros galegos supera os 2.300 millóns de euros nos últimos anos.

Na súa intervención, Conde incidiu en que esta escalada na carteira de pedidos con respecto a anos pasados se debe ao esforzo que os estaleiros galegos levan facendo todo este tempo por competir fronte a terceiros países, así como a experiencia e capacidade deste sector estratéxico en Galicia e o seu saber facer, incorporando melloras técnicas nos procesos de fabricación a través da innovación e as novas tecnoloxías.

O responsable de Economía, Emprego e Industria indicou ademais que o naval creou na comunidade máis de 1.000 empregos durante o último ano e subliñou que a formación é unha das vías para incrementar estes datos. Así, lembrou o novo Plan de formación para promover o emprego neste sector. Este plan, dirixido tanto a persoal en activo como a desempregados, multiplica por cinco o número de cursos que ata o de agora se ofertaron neste eido, así como o presuposto, que será de 12 millóns de euros para este ano e o que vén.

O conselleiro sinalou que as axudas que desde a Xunta se levan destinado a promover a innovación no sector naval galego permitiron mobiizar máis de 30 millóns de euros, e seguirase avanzando nese eido, co novo convenio Naval 4.0, unha folla de ruta que implica os principais axentes do sector para establecer a estratexia a seguir á hora de mellorar os procesos de fabricación en termos de custos, de produtividade e por tanto de competitividade.

Mencionou tamén Conde a próxima convocatoria de axudas para a formación en Industria 4.0, e a segunda edición do Concurso de Ideas 4.0, xa en marcha, así como as diferentes actuacións para impulsar a colaboración entre empresas e cos clústers. Ademais, lembrou que a través de programas como o Innterconecta ou o Conecta Pemes se apoian 19 proxectos de innovación dirixidos á mellora de produtos e servizos no sector naval, que mobilizan un investimento próximo aos 20 millóns de euros, e que as Unidades Mixtas de Investigación están a mobilizar máis de 8 millóns de euros en solucións innovadoras para a industria naval.