Conde pon en valor o espazo coworking de Monforte de apoio ao emprendemento innovador e á dinamización da economía rural

2017-03-14
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, coñeceu hoxe os 16 proxectos desenvolvidos por 18 emprendedores que contaron nesta aceleradora co asesoramento preciso para desenvolver o seu proxecto
  • Conde indicou que o 10 de abril remata o prazo de solicitude para participar na segunda convocatoria desta iniciativa que o Goberno galego realiza coa colaboración da Escuela de Organización Industrial (EOI)
  • As ideas de negocio presentadas en Monforte vincúlanse a sectores estratéxicos e emerxentes como a posta en marcha de plataformas dixitais nos eidos do turismo ou a ecoloxía ou a comercialización de xeito novidoso de produtos ecolóxicos
  • Galicia conta cunha Rede de Aceleradoras nas que o Goberno galego investiu 12 millóns de euros para impulsar máis de 500 proxectos nos últimos 4 anos

Monforte (Lugo), 14 de marzo de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, coñeceu hoxe os 16 proxectos desenvolvidos polos 18 emprendedores que participaron no espazo coworking de Monforte de Lemos, a aceleradora de emprendemento que desenvolve a Xunta en colaboración coa Escuela de Organización Industrial (EOI).

O titular de Economía puxo en valor esta iniciativa que permitiu apoiar na localidade lucense o emprendemento innovador e, polo tanto, a dinamización da economía rural, lembrando que unha das prioridades do Goberno galego é fixar poboación nas zonas rurais.

Neste espazo coworking, os participantes recibiron nos últimos 5 meses o asesoramento preciso para realizar o seu proxecto coa maior garantía de éxito. Entre as ideas de negocio que se presentaron destacaron plataformas dixitais nos eidos do turismo ou a ecoloxía, a comercialización de xeito novidoso de produtos ecolóxicos, o fomento de produtos alimenticios naturais da comarca ou o desenvolvemento de novos servizos turísticos personalizados e adaptados ao medio.

Este espazo é un dos 7 que a Xunta puxo en marcha o pasado ano en varias localidades: ademais de en Monforte, en Mondoñedo, Santiago, Ferrol, Cabana de Bergantiños, Celanova e Xinzo de Limia. En total, dos 7 espazos beneficiáronse 139 emprendedores que presentaron 119 proxectos.

A segunda convocatoria deste programa de axudas está xa aberta e, de feito, Conde indicou que o prazo de solicitude rematará o 10 de abril. Como novidade, este ano porase en marcha un espazo máis alcanzando en Galicia os 8.

Conde lembrou que Galicia conta cunha Rede de Aceleradoras nas que a Xunta investiu 12 millóns de euros para impulsar máis de 500 proxectos nos últimos 4 anos. Recordou Agrobiotech en Lugo e Ourense; Vía Lugo en colaboración con Zona Franca, como parte de VíaGalicia; Business Factory Auto en Vigo; Galicia Open Future con Telefónica e Connecting for good Galicia, xunto con Vodafone, en Santiago; e as 6 novas centradas en proxectos I+D+i apoiados desde o eido privado.

O titular de Economía apuntou, así mesmo, que a Xunta dispón doutras ferramentas para favorecer o emprendemento local e crear novas oportunidades industriais en Lugo como son o Plan de captación de novos investimentos, co impulso da Oficina Doing Business ou a Lei de Fomento de Implantación Empresarial e os apoios á internacionalización con 8 millóns de euros para beneficiar a 500 pemes.

Resaltou tamén as medidas que conforman a Estratexia Autónomo 2020, que inclúe as axudas que se ven de activar por preto de 20 millóns para apoiar o inicio de actividade e para consolidala con incentivos á contratación indefinida; ou as actuacións específicas para impulsar o emprendemento e a formación no rural como é o programa Galicia Rural Emprende, unha nova axuda do Igape que pode alcanzar ata un máximo de 70.000 euros para a creación de empresas fóra do ámbito agrícola.

Para poñer as bases para facer realidade un proxecto, o Goberno galego tamén ofrece deducións fiscais e instrumentos para apoiar investimentos empresariais, a Unidade Galicia Emprende que ofrece información sobre os recursos dispoñibles para o emprendemento e a eliminación da licenza previa para abrir un negocio.

Conde, por último, referiuse ao Plan de Banda Larga da Xunta co que se está a dotar de redes ultrarrápidas a 81 polígonos en Galicia, entre os que se atopan o de Porto Seco e Reboredo. Estes parques empresariais contarán, entre outros servizos, con acceso a redes de ata 350Mbps, videoconferencia desde a nube e servizos da Industria 4.0 orientados á eficiencia enerxética. Neste eido, tamén indicou que o Goberno galego traballa na actualidade nunha nova convocatoria de axudas dirixida por primeira vez a empresas e autónomos situados en zonas illadas do rural para dotalas tamén de redes ultrarrápidas.