Conde resalta que a unidade mixta Gas Natural Energylab é un proxecto que consolida Galicia como economía innovadora

2017-03-14
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avaliou hoxe a posta en marcha da nova iniciativa, Gas Renovable, impulsada coa colaboración da Xunta e que contribúe a fomentar a eficiencia enerxética e a sustentabilidade medioambiental
  • Conde destaca que o proxecto, que conta cunha planta piloto na EDAR de Bens da Coruña, permitirá aumentar o emprego de calidade e a competitividade no eido da depuración das augas urbanas, nas industrias alimentarias ou no sector primario
  • Lembra que as 24 Unidades Mixtas están a mobilizar 87 millóns de euros, incidindo en campos como a enerxía, a automoción ou a alimentación, entre outras

A Coruña, 14 de marzo de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, resaltou o proxecto da Unidade Mixta Gas Renovable, que conta cunha planta piloto na EDAR de Bens da Coruña, como unha oportunidade para impulsar a eficiencia enerxética e a sustentabilidade medioambiental no eido da depuración das augas residuais, nas industrias alimentarias ou en sectores como o primario. O conselleiro avaliou hoxe a posta en marcha da iniciativa, enmarcada na Unidade Mixta de Investigación promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, e na que participan Energylab e Gas Natural: “Trátase dunha oportunidade para Galicia de ser sinónimo de innovación, de economía exportadora de coñecemento, de talento e de calidade de vida. Un obxectivo compartido por Energylab, Gas Natural e a Xunta”, suliñou.

A Unidade Mixta Gas Renovable busca aumentar o coñecemento nos procesos de produción de biometano no sector das EDAR urbanas e de industrias alimentarias centrándose na inxección á rede deste biometano pero tamén na súa aplicación en mobilidade urbana e na recuperación enerxética. Trátase de posicionar a Galicia como unha rexión europea de referencia neste novo vector.

Este é un dos 2 proxectos de Unidade Mixta que une a Energylab con Gas Natural no sector enerxético, no que están a traballar 15 persoas e que suporá un investimento total de 2,1 millóns de euros dos que a Xunta aporta máis de 600.000. “Esta unidade mixta é o exemplo perfecto de como Galicia se pode posicionar en materia de enerxías renovables a través do gas”, asegurou Conde quen destacou que grazas á colaboración do sector público privado e á suma dos coñecementos de Energylab e o traballo de Gas Natural conseguirase crear emprego de calidade e aumentar a competitividade nestes sectores: “É un camiño de non retorno”, afirmou.

Neste sentido, espérase un aumento da competitividade das empresas procesadoras alimentarias, das EDAR e das empresas gandeiras grazas á redución de custes de operación e xestión de residuos ao permitir a produción de enerxía a partir de residuos que poden ser valorizados de xeito térmico, en mobilidade ou en inxeción á rede; un aumento do número de empregos asociados; o aumento en Galicia da porcentaxe de enerxía procedente de fontes renovables e un menor impacto ambiental, xa que co potencial de produción de biometano da EDAR de Bens poderíase alimentar entre 42 e 84 autobuses urbanos ao día.

Tal e como lembrou o conselleiro, esta iniciativa é unhas das 24 que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten posto en marcha ao longo de tres convocatorias coas que se están a mobilizar 87 millóns de euros e a crear 360 empregos cualificados. Un programa de colaboración público privado que resulta estratéxico para que as empresas e centros de coñecemento colaboren en sectores significativos para Galicia co fin de gañar competitividade no mercado global. Sectores como, precisamente, o da enerxía, que nestes momentos suma tres Unidades Mixtas, que contan cun apoio da Xunta de Galicia de case 2 millóns de euros.