Conde analiza co tecido empresarial de Noia o catálogo de servizos que a Xunta ofrece para mellorar a súa competitividade

2017-03-07
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta tarde nunha xornada informativa na que escoitou as propostas dos empresarios e comerciantes e lles trasladou as principais iniciativas do seu departamento
  • Lembrou o Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia, así como as liñas de apoio para a innovación e internacionalización dirixidas ás pemes galegas

Noia (A Coruña), 7 de marzo de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta tarde un encontro de traballo en Noia con representantes de empresarios asentados neste municipio coruñés, así como as zonas de Noia, Muros, O Barbanza e O Sar e con comerciantes da Asociación Centro Comercial Aberto Noia Histórica, no que examinaron o catálogo de servizos cos que conta a Xunta para colaborar co tecido empresarial galego na busca de mellorar a súa competitividade.

A finalidade destas xornadas informativas, nas que o conselleiro está a participar, consiste en trasladar dun xeito próximo e directo as iniciativas que a Consellería ofrece aos empresarios e que máis se poden adaptar ás súas necesidades, así como escoitar as súas principais preocupacións e propostas de cara a seguir mellorando e ampliando o abano de actuacións na comunidade.

Neste sentido, Conde lembrou que se acaba de activar o programa de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e das prazas de abastos, dotado con 2 millóns de euros, así como o destinado ás federacións e asociacións de ámbito superior ao municipal, que conta cun orzamento de 500.000 euros.

O ano pasado beneficiáronse destas convocatorias 53 centros comerciais abertos, 31 asociacións de praceiros e 16 federacións que puxeron en marcha 600 actuacións en toda Galicia. O respaldo ao asociacionismo comercial é unha das prioridades do Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas.

No eido das liñas de apoio ás pemes galegas, o conselleiro salientou a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 que, a través de tres programas (Galicia Exporta Organismos intermedios, xestores de internacionalización e Galicia Exporta Empresa) permitirá a internacionalización de máis de 500 pemes galegas cun investimento de 8 millóns de euros.

Conde tamén enumerou as iniciativas que, desde a Xunta, tratan de poñer en valor a capacidade industrial, loxística e xeoestratéxica galega para atraer capital e empresas como a oficina Doing Business, a inversión en innovación e Industria 4.0 ou as liñas de axudas tanto para a mellora de infraestruturas en parques empresariais como para a creación de viveiros industriais.

Finalmente, referiuse á Estratexia para Autónomos aprobada en Consello da Xunta o pasado mes de febreiro que supón a posta en marcha de 20 medidas cun presuposto de 160 millóns de euros para os vindeiros 4 anos e que inclúe actuacións que buscan facilitar a incorporación de novos autónomos, mellorar a conciliación e favorecer o relevo xeracional

As comarcas de Noia, Muros, O Barbanza e O Sar recibiron, desde 2009, apoios da Consellería por importe de máis de 60 millóns de euros que permitiron mobilizar 162 millóns para mellorar as oportunidades de negocio, emprego e competitividade destas áreas, que contan cun 24% de empresas máis que en 2015.