Conde sinala que o obxectivo da Xunta é acelerar a creación de emprego para seguir mellorando o benestar dos galegos

2017-02-21
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apunta tamén á consolidación do crecemento económico e á aposta pola innovación como retos fundamentais para facer de Galicia a mellor terra onde investir, traballar e vivir
  • Para impulsar a innovación desenvolverase un novo Plan de I+D+i e poñeranse en marcha tres consorcios vinculados á aeronáutica, a bioeconomía e a Industria 4.0
  • Activarase un novo programa de instrumentos financeiros innovadores con 80 millóns de euros para apoiar a emprendedores e pemes e para favorecer o crecemento das empresas e as exportacións
  • Investiranse 160 millóns de euros, un 45% máis que na pasada lexislatura, en 20 medidas a prol dos autónomos e articularase un Pacto polo Emprego en Galicia
  • Poñerase en marcha un Plan para a Protección das Persoas Consumidoras que entre outras medidas potenciará a arbitraxe electrónica

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou esta mañá no Parlamento que o principal obxectivo da Xunta para esta lexislatura é acelerar a creación de emprego para seguir mellorando o benestar dos galegos e galegas. Apuntou tamén o conselleiro á consolidación do crecemento económico e á aposta pola innovación como retos fundamentais de cara a 2020 para facer de Galicia a mellor terra onde investir, traballar e vivir.

Conde, que compareceu ante o Pleno para explicar as liñas estratéxicas do seu departamento, sinalou entre as principais medidas as destinadas a consolidar Galicia como sinónimo de Industria 4.0. Entre elas citou o programa de transformación dixital na industria ou os espazos colaborativos que favorezan a creación de novos produtos, xunto con medidas que completen as cadeas de valor industrial e a través da Estratexia Integral de Optimización Loxística de Galicia.

Nestas iniciativas, tal e como apuntou o conselleiro, xogará un papel crucial a innovación. Por iso, poñeranse en marcha tres consorcios vinculados a sectores emerxentes como a aeronáutica, a bioeconomía e a Industria 4.0. Tamén se activará o novo Plan de I+D+i Galicia, e un novo proxecto para a captación do talento máis innovador que completará programas como Oportunius e Principia. Ademais, incidiu Conde, esta aposta pola innovación e a Industria 4.0 estará moi presente na Axencia da Industria Forestal de Galicia.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria subliñou que nestes catro anos a Xunta seguirá a traballar para que Galicia sexa cada vez máis unha terra de oportunidades a través do Plan para a Captación de Investimentos que se vén de activar.

Este Plan inclúe a Lei de Fomento da Implantación Empresarial, e un protocolo de boas prácticas coa Fegamp. Tamén se avanzará en competitividade a través do novo programa de instrumentos financeiros innovadores, con 80 millóns de euros ata 2020 para apoiar a emprendedores; pemes innovadoras; o crecemento das empresas, e para favorecer as exportacións, que en 2016 bateron en Galicia o seu récord histórico.

No tocante ao emprego, Conde lembrou que o compromiso da Xunta é claro: crear entre 80.000 e 100.000 postos de traballo; reducir a taxa de paro por debaixo dos dous díxitos, e crear ou converter 50.000 contratos en indefinidos.

Para alcanzar estas cifras, indicou o conselleiro, investiranse 160 millóns de euros, un 45% máis que na pasada lexislatura, en 20 medidas a prol dos autónomos. Tamén se elaborará unha Lei de Emprego e articularase un Pacto polo Emprego en Galicia.

Estas medidas, resaltou Conde, completarán o novo plan de emprego para fomentar a igualdade entre homes e mulleres, e o compromiso polo emprego de calidade, a través do fomento da contratación indefinida, a estabilidade laboral, e as políticas de responsabilidade social empresarial.

Na súa intervención ante o Pleno do Parlamento de Galicia, o responsable de Economía, Emprego e Industria anunciou que se activará un Plan para a Protección das Persoas Consumidoras, que modernizará a atención telefónica, axilizará a resolución das denuncias mediante a dixitalización dos procedementos, e potenciará a mediación, ademais de poñer en marcha a arbitraxe electrónica.

Conde, que avogou por camiñar na mesma dirección en favor dos intereses de Galicia, sinalou que a Xunta seguirá mantendo ao longo destes catro anos unha posición proactiva e desenvolvendo iniciativas para facer de Galicia a mellor terra onde investir, onde traballar e onde vivir. Só así, sinalou, “seremos capaces de crecer máis, de crear máis emprego e de ofrecer máis benestar a todos os galegos e galegas”.