Conde salienta a aposta pola innovación das empresas galegas como clave do novo récord histórico das exportacións

2017-02-20
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, subliña que o esforzo do tecido empresarial ten permitido mellorar nun 6,4% a anterior marca de 2015, superando por primeira vez na historia os 20.000 millóns de euros exportados
  • O crecemento das exportacións galegas multiplica case por catro o do conxunto de España, situándose como a terceira comunidade cun maior crecemento porcentual
  • Galicia asina así o seu mellor ciclo exportador logrando que os últimos catro anos sexan os de maiores vendas ao exterior da súa historia
  • Desde o 2009 as exportacións galegas subiron máis dun 43%, mentres que a balanza comercial se multiplicou por cinco
  • A Xunta aposta polos mercados internacionais como un dos motores da economía a través da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020

Santiago, 20 de febreiro de 2017.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe que a aposta pola innovación e polo talento das empresas galegas é a clave do novo récord histórico das exportacións da comunidade. Tal e como apuntou Conde en declaracións aos medios, o esforzo do tecido empresarial galego ten permitido mellorar nun 6,4% o rexistro de 2015, superando por primeira vez os 20.000 millóns de euros exportados.

Segundo os datos publicados hoxe polo Ministerio de Economía e Competitividade, o crecemento das exportacións galegas en 2016 con respecto a 2015 multiplica case por catro o do conxunto de España, que se sitúa nun 1,7%. Ademais, Galicia sitúase como a terceira comunidade cun maior crecemento porcentual do ano.

Apuntou o conselleiro que, con estas cifras, Galicia asina o seu mellor ciclo exportador, logrando que os últimos catro anos sexan os de maiores vendas ao exterior da historia da comunidade. Conde sinalou que o labor das empresas galegas conta co respaldo da Xunta a través da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, apuntou que desde o 2009 a Xunta aposta de forma clara polos mercados exteriores como un dos motores da recuperación económica que xa está a experimentar Galicia. Así, apuntou que a internacionalización e a innovación son claves para a competitividade da economía galega e a creación de emprego de calidade. Desde 2009 as exportacións subiron máis dun 43%, e a balanza comercial galega de 2016, a mellor da historia en termos absolutos, multiplica por 5 a de 2009.

Diversificación de mercados

No tocante ao destino das exportacións galegas, os tres primeiros mercados de destino son Francia, cun 19,2% do total, Portugal, cun 12,7% e Reino Unido, cun 7,9% do total. Destacan os crecementos que experimentan mercados como Alemaña, que en 2016 foi o destino dun 7% das exportacións galegas, e cara onde se exportou o ano pasado un 42% máis que en 2015, ou Reino Unido, onde se exportou un 43,6% máis.

A aposta das empresas galegas por diversificar os mercados a onde exportan os seus produtos ten permitido ademais que se incrementasen nun 9,4% as exportacións a Asia, que supón xa o 5,2% do total das exportacións galegas, destacando a suba das vendas á India ou a Xapón.

Sectores estratéxicos

Nos bos resultados das exportacións galegas desempeñaron un importante papel os principais sectores estratéxicos da nosa economía. Así, as vendas ao exterior do sector téxtil rexistraron unha suba do 17,9%, mentres que a venda de material de transporte (automóbiles, barcos e aeronaves) experimentou un incremento do 7,2%.