Feijóo afirma que a Lei de fomento de implantación empresarial contribuirá a seguir despexando o futuro da automoción galega

2017-02-08
  • Subliña que a Xunta seguirá apostando pola innovación, a investigación e o talento dentro do sector
  • Lembra que a competitividade dos traballadores da factoría de Vigo e das industrias auxiliares e o apoio inequívoco da Xunta e Zona Franca fan posible que a automoción galega conte cunha década despexada de incertezas
  • Precisa que os tres modelos que se van fabricar en Balaídos suporán un investimento estimado de 3.000 millóns de euros
  • Aposta por continuar impulsando o crecemento e a competitividade da industria de compoñentes que, no último ano, creou 2.000 novos postos de traballo, cun incremento da facturación dun 10 %
  • Resalta que que o 60 % das pezas que fabrica a industria auxiliar galega son para fabricantes distintos a PSA-Peugeot Citroën

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2017.- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que a nova Lei de fomento de implantación empresarial contribuirá tamén a seguir despexando o futuro da automoción galega, a través de medidas como a simplificación administrativa máxima para a implantación de proxectos e o fomento de medidas específicas de dinamización de áreas empresariais.

Así mesmo, e en resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara, afirmou que o Goberno galego seguirá apostando pola innovación, a investigación e o talento dentro do sector. E, ao respecto, recordou que grazas á excelente competitividade dos traballadores da planta de PSA-Peugeot Citroën en Vigo, á competitividade das industrias auxiliares e ao apoio inequívoco da Xunta e da Administración central, a través da Zona Franca, o sector está avanzando e ten unha década despexada de incertezas.

Logo de precisar que os tres modelos que se van fabricar en Balaídos suporán un investimento estimado de 3.000 millóns de euros, o responsable do Executivo autonómico avogou por continuar impulsando o crecemento e a competitividade da industria de compoñentes que, no último ano, ten creado 2.000 novos postos de traballo, cun incremento da facturación dun 10%.

Logo de precisar que o 60 % das pezas que fabrica a industria auxiliar galega son para fabricantes distintos a PSA-Peugeot Citroën, Feijóo sostivo que o prezo do solo industrial en Galicia “nunca estivo máis barato que agora”. Destacou, a modo de exemplo, que en Mos o dereito de superficie custa 2€/m² ao ano, en Ponte Caldelas 1€/m² ao ano e en Arbo 0,90 céntimos/m² ao ano. “E imos comercializar os terreos da Plisan neste 2017”, engadiu.