Conde destaca na entrega dos premios AJE Galicia que os emprendedores son a “pedra angular” do crecemento económico

2017-01-26
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou esta tarde en Ourense que este galardón contribúe a fomentar a vocación empresarial e a consolidar o tecido produtivo galego
  • Subliñou que a creación de preto 4.600 empresas en Galicia durante o ano pasado, un 16% máis que en 2015, demostra que na comunidade existe un “ecosistema emprendedor”
  • Animou a que administracións e axentes socioeconómicos sigan a traballar xuntos, unha liña que ten facilitado a posta en marcha dunha rede de aceleradoras que impulsou máis de 500 proxectos nos últimos catro anos

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta tarde á entrega da sexta edición dos Premios AJE Galicia, dos que destacou que contribúen a fomentar a vocación empresarial, difundir a cultura emprendedora e consolidar o tecido produtivo galego. Neste sentido, sinalou que Galicia necesita que os xoves empresarios se convertan na “pedra angular” sobre a que pivote o crecemento que se está a producir na comunidade.

Conde asegurou que os proxectos premiados supoñen un recoñecemento ao traballo ben feito, ao tempo que demostran que en Galicia existe “un ecosistema emprendedor, unha terra de oportunidades na que en 2016 se crearon preto de 4.600 empresas”, un 16% máis que en 2015. Esta porcentaxe elévase ata o 17% na provincia de Ourense, onde se constituíron o ano pasado 460 compañías. Neste sentido, agradeceu o labor que realizan as asociacións galegas de xoves empresarios para impulsar o emprendemento.

“Galicia precisa dunha nova xeración de talento emprendedor que aposte pola innovación, a creatividade e proxectos únicos para que Galicia sexa máis competitiva”, afirmou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, quen defendeu a necesidade de que as administracións e os axentes socioeconómicos sigan a “traballar xuntos”. Así, Conde subliñou que a colaboración entre institucións e entidades está a favorecer a posta en marcha de novas empresas.

Nesta liña, lembrou o apoio financeiro que se ofrece desde a Xunta ao tecido empresarial a través de avais, préstamos ou capital risco; así como a rede de aceleradoras, que ten permitido en Galicia impulsar máis de 500 proxectos nos últimos catro anos. Na provincia de Ourense, entre estas iniciativas de aceleración, están Agrobiotech, dirixida a empresas no eido da biotecnoloxía, a agroalimentación e a biomasa; ou os centros coworking de Celanova e Xinzo de Limia, nos que participan medio centenar de emprendedores e que a Consellería de Económica, Emprego e Industria está a desenvolver da man da Escuela de Organización Industrial (EOI).