A Xunta sinala a importancia de seguir colaborando con Atiga para xerar oportunidades ao tecido empresarial a través da innovación

2017-01-02
  • A directora de Gain, Patricia Argerey, mantivo a súa primeira reunión de traballo con esta entidade que agrupa a seis centros tecnolóxicos galegos consolidados e que na actualidade están a desenvolver preto de 300 proxectos de I+D+i
  • Argerey destacou que o traballo conxunto entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria e Atiga contribúe a mellorar a competividade das empresas galegas

Santiago, 2 de xaneiro de 2017.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, mantivo unha reunión de traballo coa Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga), creada en 2012 e composta por seis centros tecnolóxicos galegos consolidados: Aimen, Anfaco-Cecopesca, CTAG, EnergyLab, ITG e Gradiant. Durante este primeiro encontro, a nova responsable de Gain trasladou á entidade o compromiso da Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, de seguir colaborando nas políticas de innovación como elemento estratéxico para xerar novas oportunidades ao tecido empresarial galego.

Argerey destacou a importancia de que Gain e Atiga continúen a traballar xuntos para que os centros tecnolóxicos, como axentes fundamentais en materia de innovación, poidan medrar e desenvolver todas as súas potencialidades. Neste sentido, afirmou que, na medida en que Galicia conte con centros tecnolóxicos fortes e excelentes e se manteña este nivel de colaboración, se incrementarán as posibilidades de impulsar a transferencia de resultados da investigación á empresa e á mellora da súa competitividade a través da I+D+i.

Durante a reunión, Gain e Atiga tamén aproveitaron para avaliar os proxectos postos en marcha, así como avanzar no estudo de novas iniciativas nas que ambas partes unan os seus esforzos.

Atiga, que na actualidade desenvolve preto de 300 proxectos de I+D+i, dos cales o 20% son de carácter internacional, é titular de 75 patentes entre propias ou en colaboración con empresas, e conta cun equipo formado por preto de 900 traballadores cualificados.

Dentro do seu compromiso por fomentar a actividade innovadora e o talento, Gain ten achegado entre 2013 e 2016, a través dos contratos-programa, máis de 8 millóns de euros para contribuír ao funcionamento estable dos centros consolidados; unha cifra que supera os 15 millóns se se suman outras axudas concedidas desde 2009 a estes centros para proxectos que favoreceron a súa consolidación e estruturación.