A Xunta aproba o II Programa galego de muller e ciencia co obxectivo de seguir avanzando na igualdade real no eido científico

2016-12-29
  • Cunha achega de 9,2 millóns de euros, lembra que este programa elaborouse cun grupo de traballo integrado por representantes das áreas da Xunta dedicadas ás Universidades, ás TIC, ao I+D e ao traballo pola igualdade
  • Entre os obxectivos fundamentais desta iniciativa destaca: fomentar a presenza equilibrada de mulleres e homes no sistema de ciencia, tecnoloxía e innovación; e buscar a integración do principio de igualdade de oportunidades en cada fase da produción, transferencia e aplicación do coñecemento

Santiago, 29 de decembro de 2016.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a aprobación no Consello da Xunta do II Programa galego de muller e ciencia 2016-2020 co obxectivo de seguir avanzando na igualdade real no eido científico.

Cunha achega de 9,2 millóns de euros, Feijóo lembrou que este programa elaborouse cun grupo de traballo integrado por representantes das áreas da Xunta dedicadas ás Universidades, ás TIC, ao I+D e ao traballo pola igualdade.

Máis polo miúdo, o titular da Xunta explicou que o documento está estruturado en tres bloques. O primeiro deles é a análise diagnóstica, na que se reflicten as políticas e iniciativas europeas, estatais e autonómicas no ámbito da igualdade de xénero e a investigación; a situación das persoas no sistema galego de ciencia tecnoloxía e innovación, así como os procesos e procedementos de traballo.

No tocante ao segundo bloque: a estratexia de actuación, Feijóo subliñou que é o núcleo central do programa, ao recoller de forma estruturada e xeral os contidos a desenvolver durante a súa vixencia para reducir as fendas de xénero e avanzar cara á igualdade efectiva. E o terceiro bloque é o sistema de xestión e seguimento, no que se prevé a programación anual das accións a desenvolver en cada exercicio e o sistema de seguimento e avaliación.

Cómpre salientar, ademais, que o programa contará con tres eixos fundamentais: o primeiro deles será un cambio institucional e organizativo coa finalidade de conseguir o compromiso das institucións implicadas no sistema galego da ciencia, tecnoloxía e innovación para a integración do principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

“Estamos a falar, en definitiva, de dous obxectivos: consolidar a integración da perspectiva de xénero como principio reitor do sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación. E reducir a influencia dos estereotipos de xénero mediante accións de sensibilización á sociedade en xeral”, abundo o presidente do Goberno galego.

Así mesmo, fomentarase a presenza equilibrada de mulleres e homes no sistema de ciencia, tecnoloxía e innovación. E, como terceiro eixe buscarase a integración do principio de igualdade de oportunidades en cada fase da produción, transferencia e aplicación do coñecemento.