Conde subliña o incremento dun 60% dos apoios a autónomos e o 44% do financiamento ás pemes para convertelos en protagonistas do crecemento económico

2016-12-12
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou que os orzamentos do seu departamento están centrados especialmente na creación de emprego, co obxectivo de lograr 20.000 novos postos de traballo no 2017
  • Os apoios á innovación medran un 3,7%, ata os 63,2 millóns de euros, priorizando o talento, o investimento privado, a compra pública innovadora e as medidas encamiñadas a impulsar un novo modelo de innovación para o futuro
  • Continúase a reforzar a aposta polos sectores estratéxicos e emerxentes e, coa posta en marcha da Axencia Industrial Forestal de Galicia, activaranse novas medidas en favor da innovación e a competitividade da cadea de valor dos bosques galegos
  • Dáse un novo impulso á Industria 4.0 para consolidar a implantación da fábrica intelixente en Galicia
  • Avánzase un ano máis na modernización, a innovación e a dixitalización das pemes comerciais, co obxectivo de que un millar de comercios se sumen ás máis de 4.000 iniciativas que se teñen apoiado no ámbito de smart commerce
  • Refórzase a loita contra a pobreza enerxética, o impulso das enerxías renovables e do aforro e eficiencia enerxética, con 34,2 millóns de euros o vindeiro ano
  • Continuarase dedicando esforzos para que en Galicia ningunha familia quede sen electricidade polas súas dificultades económicas e poñeranse en marcha tamén medidas para evitar o corte no subministro de gas natural
  • Conde sinala que o reto destas contas é “facer de Galicia a mellor terra onde traballar, investir, innovar e vivir”

Santiago, 12 de decembro de 2016.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe no Parlamento que os orzamentos da Consellería que dirixe, que medran un 8,5% ata superar os 482 millóns de euros, teñen como meta o reforzo da etapa de crecemento na que está inmersa a economía de Galicia. Na súa intervención, Conde destacou especialmente o incremento dun 60% dos apoios a autónomos, ata chegar aos 33,2 millóns de euros, así como o aumento dun 44%, ata os 58,5 millóns de euros, dos recursos para o financiamento de autónomos, pemes e microempresas, para convertelos en protagonistas desta fase de consolidación económica.

O conselleiro incidiu en que os presupostos do seu departamento están centrados especialmente na creación de emprego, co obxectivo de crear 20.000 novos postos de traballo o vindeiro ano. Así, a Área de Emprego e Formación alcanza un crecemento do 16,4% con respecto a 2016, cunha clara aposta polo fomento do emprego de calidade como elemento clave da competitividade de Galicia.

Neste ámbito, o responsable de Economía, Emprego e Industria destacou que se destinan 44,6 millóns de euros a incentivar a contratación, facendo especial fincapé nas mulleres, mozos e colectivos desfavorecidos, e, como principal novidade, nas persoas pertencentes a unha unidade familiar na que todos os seus membros activos estean en paro.

Do mesmo xeito, salientou os esforzos da Xunta por mellorar as capacidades dos galegos e galegas para atopar un traballo, incrementando nun 21,6%, ata os 86,2 millóns de euros, os fondos destinados a adecuar a formación e capacidades do talento galego á demanda real do tecido empresarial.

Conde subliñou así mesmo a posta en marcha da Estratexia de Autónomos, que busca convertir Galicia no lugar máis favorable para ser autónomo. Así, esta folla de ruta recollerá medidas específicas como a creación do Bono Autónomo de ata 2.000 euros, a ampliación un ano máis da tarifa plana, ou o incremento en 16 semanas adicionais da bonificación para conciliar, que se abrirá tamén aos pais. Ademais, estenderase a todos os autónomos o programa de remuda xeracional que xa existe no comercio.

Ao tempo que se poñerán en marcha estas iniciativas, iniciarase o diálogo para a nova lei de Emprego de Galicia, tal e como destacou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

Consolidación da Industria 4.0

Outro dos eixos que vertebran os orzamentos da Consellería é a aposta pola Industria 4.0, desde o convencemento, tal e como apuntou Conde, de que “nela está o futuro da competitividade industrial galega” e que esta será “a lexislatura da consolidación da Industria 4.0 en Galicia”.

Neste eido, destacan iniciativas como a segunda edición do programa de axudas Fábrica 4.0, que permitirá sumar 4 novos proxectos sectoriais e polo menos 2 proxectos en ámbitos transversais como a fábrica virtual e as TIC industriais, ou unha nova liña de axudas para proxectos de solucións big data e internet das cousas.

O Igape tamén incrementará os fondos do programa Galicia Inviste, así como as axudas para emprendedores, co foco posto no medio rural. A aposta pola proxección internacional da economía galega tamén continúa adiante con máis forza a través da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, coa que a Xunta ten contribuído, un ano máis, aos mellores rexistros exportadores.

Apoio á innovación e aos sectores estratéxicos

O novo modelo industrial de futuro ao que aspira Galicia pasa por apoiar a economía do coñecemento e da innovación. E por iso, sinalou Conde, o orzamento da Axencia Galega de Innovación medra un 3,7% ata os 63,2 millóns de euros, priorizando o talento innovador, a atracción de investimento privado, a compra pública innovadora e as medidas necesarias para sentar as bases para un novo modelo de innovación.

Ademais, continuarase a reforzar a aposta polos sectores estratéxicos e emerxentes como a automoción, o naval, o aeronáutico, a biotecnoloxía e as industrias culturais. E, unha vez posta en marcha a Axencia Industrial Forestal de Galicia, adoptaranse todas as medidas necesarias en favor da innovación e a competitividade da cadea de valor dos bosques galegos.

Auméntanse tamén os fondos para apoiar ao comercio e á artesanía, que medran un 25,8%, ata os 16,5 millóns de euros. Neste eido, a prioridade será un ano máis apoiar a modernización, a innovación e a dixitalización das pemes comerciais, incrementando a dotación das axudas neste eido específico ata os 5 millóns de euros para que un millar de comercios se sumen ás máis de 4.000 iniciativas que se teñen financiado nos últimos anos no ámbito de smart commerce e da mellora da imaxe dos establecementos comerciais.

Co foco posto nas persoas

En 2017 continuarase a poñer o foco nas persoas, reforzando a loita contra a pobreza enerxética, o impulso das enerxías renovables e do aforro e eficiencia, con 34,2 millóns de euros o vindeiro ano.

Así, simplificarase o tícket eléctrico social, co que a Xunta ten apoiado a preto de 5.000 familias, cunha única solicitude anual en lugar de dúas semestrais, e continuarase dedicando esforzos para que en Galicia ningunha familia quede sen electricidade polas súas dificultades económicas, cunha medida grazas á cal se ten axudado xa a preto de 900 fogares galegos. Ademais, como novidade, ampliarase o esforzo para evitar tamén o corte no subministro de gas natural.

O vindeiro ano, o Plan de aforro e eficiencia enerxética nas vivendas galegas sumará 8,7 millóns de euros, un 10,3% máis, incorporando entre as súas medidas unha nova liña de axudas para fomentar o autoconsumo en edificios colectivos
e outra para facilitar a renovación das instalacións de enlace, necesarias para os contadores intelixentes.

Conde subliñou que os orzamentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria son “unha mostra palpable do compromiso deste Goberno co futuro de Galicia”. Un futuro “con máis benestar e máis crecemento” e que ten as súas bases “no talento, na innovación, na industria, nos autónomos e nas pequenas empresas”. O reto destas contas, sinalou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, “non é outro que continuar traballando para facer de Galicia a mellor terra onde traballar, investir, innovar e vivir”.