Conde destaca que a Business Factory Auto simboliza a unidade de Galicia para situar a automoción galega á cabeza da innovación europea

2016-09-14
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu no Porto do Molle de Nigrán a unha xornada informativa sobre esta aceleradora pioneira que facilitará o emprendemento industrial innovador no eido do automóbil
  • Tras abrirse hoxe o prazo para a presentación de proxectos, a Business Factory Auto permitirá desenvolver medio centenar de propostas
  • Contará co primeiro FabLab de Galicia, un laboratorio de fabricación dos prototipos que levarán a cabo as empresas

Nigrán (Pontevedra), 14 de setembro de 2016.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu en Nigrán a unha xornada informativa sobre a Business Factory Auto (BFA), unha aceleradora pioneira que facilitará o emprendemento industrial innovador na automoción galega, sumando os esforzos do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), PSA, Zona Franca e a Xunta, coa colaboración de centros como CTAG e Gradiant. Hoxe abriuse o prazo de presentación de proxectos para participar nesta iniciativa no parque empresarial de Porto do Molle.

Conde afirmou que se trata dunha oportunidade para que esta industria poida desenvolver preto de medio centenar de novos proxectos de innovación, abrindo a porta a start ups que revolucionen a economía galega. Neste sentido, subliñou que o proxecto simboliza a unidade de Galicia para colocar a automoción da comunidade á cabeza da innovación europea.

A BFA, enmarcada na Axenda de Competitividade de Galicia-Industria 4.0, busca converterse nun centro de referencia internacional para dar resposta aos desafíos globais da industria automobilística, actuando sobre eidos como a fábrica intelixente, a loxística 4.0, as comunicacións vehículo a vehículo, o coche conectado, a eficiencia no motor, a reparación automática, o GPS e localización e a condución segura.

O proxecto, que xerará investimentos superiores aos 20 millóns de euros, está localizado nesta primeira fase nunha área de coworking no Edificio Tecnolóxico Aerospacial, no Porto do Molle, para despois trasladarse a Balaídos. A Business Factory Auto contará ademais co primeiro FabLab de Galicia, un laboratorio de fabricación dos prototipos que desenvolvan as empresas seleccionadas, coas últimas ferramentas de realidade virtual e impresión en 3D.

A selección dos proxectos realizarase polo comité de evaluación, formado pola Xunta, Ceaga, Zona Franca de Vigo e Vigo Activo, ademáis de contar co apoio de Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia), Cluster TIC de Galicia, Aimen (Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste).

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou que a automoción é un sector estratéxico para Galicia e un dos piares da economía. En total, son máis dun centenar de empresas, lideradas por Balaídos, que con 407.000 unidades producidas o ano pasado revalidou a súa posición á cabeza de PSA; un sector que conta cunha industria de compoñentes de primeiro nivel, que exporta a 130 países e que conta coa colaboración de Ceaga para impulsar a súa competitividade.

Aproveitou a presenza de Yann Martin no acto para agradecer o labor e compromiso mostrado desde a dirección da planta de PSA en Balaídos e avogou por continuar polo impulso da innovación para fortalecer o tecido industrial. Neste sentido, destacou o papel do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), que uniu esforzos con PSA e o CIS Galicia, primeiro, e despois co Grupo Copo, Aimen, BorgWarner, Viza e GKN Driveline, para impulsar seis unidades mixtas de investigación no eido da automoción.