Conde destaca que o polo de Rozas contribuirá a mellorar a xestión dos recursos naturais galegos e o control do tráfico aéreo

2016-09-13
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe no II Workshop Civil UAVs Initiative, no que se avaliou a segunda fase do proxecto de Rozas, na que se inclúe a busca de solucións eficientes para Galicia a través da Compra Pública Innovadora
  • Conde indicou que o emprego de avións non tripulados axudará a garantir a calidade da auga e a seguridade nas comunicacións aéreas, ao tempo que permitirá ofrecer unha resposta máis rápida e segura en accidentes marítimos
  • A Xunta recibiu máis de 100 propostas de 80 entidades, das que o 60% teñen a súa sede na comunidade, entre empresas, centros tecnolóxicos e universidades
  • Sinalou que Rozas será un dos corazóns empresariais de Galicia e unha oportunidade única para as pequenas e medianas empresas

Castro de Rei (Lugo), 13 de setembro de 2016.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe en Rozas ao II Workshop Civil UAVs Initiative, no que se avaliou o polo aeronáutico e a posta en marcha da segunda fase do proxecto, para mellorar mediante o emprego dos avións non tripulados a xestión dos recursos acuáticos, naturais e de ordenación do territorio, e o control do tráfico aéreo. Destacou que Rozas será un dos grandes corazóns empresariais de Galicia e unha oportunidade única para as pequenas e medianas empresas, situando á comunidade na vangarda deste novo sector.

Conde sinalou a importancia de apostar pola Compra Pública Innovadora na adquisición de nova tecnoloxía, pois permite ás pemes poder sumarse á iniciativa do polo aeronáutico. Neste sentido, a Xunta recibiu máis de 100 propostas a través de máis de 80 entidades, das que o 60% están na comunidade galega, entre empresas, centros tecnolóxicos e universidades. Neste sentido, o conselleiro destacou que Rozas convértese nunha panca de cambio cara unha economía que basea o seu crecemento no coñecemento, fixando así en Lugo empresas máis competitivas, de futuro e capaces de xerar e reter empregos de calidade.

Unha vez se avalíen todas as propostas, a previsión é publicar o 31 de outubro, na páxina web da Axencia Galega de Innovación (Gain), as fichas de avance nas que se incorporen as necesidades para Rozas. A continuación, sacaranse a concurso os primeiros contratos de Compra Pública Innovadora, que se centrarán en buscar solucións eficientes para unha mellor xestión de tres eidos estratéxicos para Galicia: recursos náuticos, para ofrecer unha resposta máis rápida e segura en accidentes marítimos; recursos naturais e de ordenación do territorio, centrándose no desenvolvemento de sensores que garanten a calidade da auga e na automatización da información xeográfica; e o control do tráfico aéreo para mellorar a planificación de voos e garantir a seguridade nas comunicacións.

Comunidade pioneira

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou que Galicia é unha comunidade pioneira no emprego da Compra Pública Innovadora. No caso de Rozas, esta segunda fase do proxecto súmase ao traballo previo feito entre o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (Inta) e a Xunta para impulsar o Centro de Investigación Aerotransportada; e ao propio polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados para uso civil, no que o Goberno galego conta con dous aliados como Indra e Inaer para a próxima década, o que supón un elemento tractor para a incorporación ao proxecto de 18 empresas, 10 centros tecnolóxicos e as tres universidades galegas.

Segundo indicou Conde, a industria aeronáutica é un sector estratéxico e de futuro non só para Rozas e Lugo, senón tamén para Galicia. Neste sentido, indicou a expectación que está xerando o proxecto, e puxo como exemplo a recente creación da Asociación Galega de Empresas de Sistemas Intelixentes non Tripulados (Agasint), unha entidade formada por unha ducia de empresas, con sede en Lugo e que impulsará a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a exportación de produtos que se deseñen ou se fabriquen en Galicia.