A Alianza Europea Vanguard Initiative, da que Galicia forma parte, lanza un instrumento de financiamento para apoiar proxectos de innovación entre rexións
2023-12-05
Santiago, 1 de abril de 2016.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que o novo índice Innobench permitirá “radiografiar a posición innovadora das empresas galegas” e deseñar con máis eficacia as políticas públicas de apoio á I+D+i empresarial. Conde participou na presentación deste índice sintético desenvolvido pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación e Zona Franca a través de Ardán, aos que se se sumou o traballo do grupo REDE da Universidade de Vigo, “amosando que cando as administracións traballan da man o seu esforzo non só suma, senón que multiplica”.
No mesmo senso, a Delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, resaltou que esa “complicidade” entre institucións “se crea porque todos compartimos as ganas de e facer da nosa sociedade unha das referencias globais en innovación”.
Conde sinalou que durante máis dun ano, as tres institucións traballaron da man para fixar un indicador propio que medise, nunha escala de 1 a 1.000 puntos e de unha a cinco estrelas, o grao de innovación que teñen as empresas galegas e a posición relativa de cada unha respecto dos líderes do seu sector económico. Como mostra se fixo unha primeira enquisa a preto de cincocentas empresas galegas, e o estudo se estenderá este ano ata as 6.500 compañías. As empresas galegas poden acceder xa á enquisa online e obter o informe Innobench na web www.zfv.es/innobench, accesible tamén desde as páxinas web do Consorcio da Zona Franca de Vigo e da Axencia Galega de Innovación.
Este informe, dixo Conde, será personalizado para cada compañía e incluirá o seu potencial de mellora e cómo conseguila en aspectos tan relevantes como esforzo financeiro, financiamento, capital humano produto e mercadotecnia, proceso e tecnoloxías TIC, organización e vendas, produtividade laboral e eficiencia xeral. Ese informe incluirá unha proposición de posibles accións de mellora para aqueles eidos nos que se detectasen debilidades, e unha matriz coas axudas públicas dispoñibles para abordalas.
“Todo este coñecemento que acumularemos será decisivo á hora de deseñar as futuras políticas públicas de innovación, de forma que os nosos programas de apoio terán moi en conta este sistema de medición e o resultado acadado polas empresas”, destacou Conde. Así, o índice sintético Innobench influirá no propio deseño das políticas, que serán máis eficaces e personalizadas, e poderá ser incluído como criterio de valoración nas futuras convocatorias.
“É, polo tanto, unha iniciativa que ten beneficios individuais para as empresas, e globais para todo o tecido produtivo de Galicia”, defendeu Conde, que salientou esta nova ferramenta como fundamental para “proporcionarnos aos galegos un punto de referencia claro de onde estamos, de forma que poidamos fixar un bo rumbo e navegar cara a unha maior competitividade”.
Na mesma liña, Pedrosa apuntou que “unha sociedade avanzada necesita medir a eficacia das súas políticas de desenvolvemento a través instrumentos estables de medición, capaces de analizar a complexa realidade presente e adiviñar ou, mellor dito, predicir os resultados que poidan derivarse de aplicar cambios de comportamento e novas accións”.