Conde salienta que a terceira edición do Innterconecta suma 144 empresas galegas que participan en 67 proxectos mobilizando máis de 90 millóns

2016-02-17
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, visitou, xunto ao director xeral do CDTI, Francisco Marín, as instalacións do Grupo Antolín en Vigo
  • Antolín lidera dous proxectos Innterconecta, un dos cales terá a súa aplicación práctica no futuro K9 de PSA Peugeot-Citroën
  • Galicia se sitúa como a segunda comunidade con máis proxectos liderados, 44, entre os que se atopan iniciativas de sectores como o agro, as TIC ou a automoción
  • Subliña o éxito do Innterconecta en Galicia, elevando o balance das tres edicións a máis de 300 millóns en investimento xerado e a 550 empresas galegas participantes, que se suman ao impacto doutros programas de innovación aberta como o Conecta Pemes, que xa mobilizou 75 millóns
  • Francisco Marín destaca que o centro apoiou na última década 570 proxectos na comunidade, con apoios de preto de 400 millóns de euros

Vigo, 17 de febreiro de 2016.- O conselleiro de Economía, Emprego Industria, Francisco Conde salientou hoxe que a terceira edición do programa FEDER Innterconecta suma 144 empresas galegas, que participan en 67 proxectos innovadores que están a xerar investimentos de máis de 90 millóns de euros. Conde fixo balance da iniciativa acompañado do director xeral do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), Francisco Marín, durante unha visita ás instalacións do Grupo Antolín en Vigo, que lidera dous proxectos Innterconecta do eido da automoción.

Galicia, dixo Conde, lidera nesta edición do Innterconecta 44 proxectos promovendo o avance innovador de Galicia en eidos como o agroalimentario, as TIC ou a automoción, elevando o investimento total xerado polo programa nas tres edicións a máis de 300 millóns de euros, e o número total de compañías galegas participantes a 550. Esta mobilización de investimento do Innterconecta, resaltou Conde, se suma á doutros programas de innovación aberta, como o Conecta Pemes, que xa ten xerado investimentos por 75 millóns. Conde resaltou ambos programas como clave para impulsar a innovación aberta en Galicia, poñendo a traballar de forma conxunta a empresas, universidades e centros tecnolóxicos.

Entre os proxectos Innterconecta se atopan dous liderados polo Grupo Antolín, que calificou como “un dos grandes referentes da nosa industria auxiliar automobilística” con 90 liñas de innovación e 1.670 patentes: o Perfil+, centrado no desenvolvemento de novos compoñentes de aceiro ultraelástico para o automóbil, e o Innospace, que permite avanzar no deseño de arquitecturas modulares para o interior dos utilitarios lixeiros e que, segundo avanzou o Director da Unidade de Negocio de Asientos do Grupo, Miguel Marañón, terá a súa aplicación práctica no futuro proxecto K9 de PSA Peugeot-Citroën en Balaídos.

O novo Innterconecta, dixo Conde, está enmarcado na Estratexia de Especialización Intelixente, RIS 3; e no novo Plan de Actuación Xunta-CDTI, que permitiu dar un paso adiante na colaboración entre Estado e Xunta, co obxectivo de cubrir todas as necesidades innovadoras das empresas e evitar duplicidades e sobrecustos desde a administración. Neste senso, o conselleiro resaltou ao CDTI como “socio imprescindible para Galicia”, mentres que o director do CDTI subliñou que o plan “terá sen dúbida un efecto moi positivo para potenciar a I+D empresarial desta rexión”.

Francisco Marín explicou que “o CDTI, dependente do Ministerio de Economía e Competitividade, financiou no últimos dez anos 570 proxectos desta Comunidade Autónoma, cunha axuda pública de máis de 397 millóns de euros”. Marín destacou o bo resultado da última edición do Innterconecta como “mostra do espírito emprendedor que manifestan moitas das empresas galegas”; proba diso, sinalou, é “o excelente resultado” que obtivo Galicia nesta última convocatoria do Programa FEDER-Innterconecta, participando en 67 dos 131 proxectos aprobados en toda España, o que sitúa a Galicia como a segunda Comunidade Autónoma, despois de Andalucía, con maior número de proxectos aprobados e liderados nesta última convocatoria.

Conde salientou que o éxito do Innterconecta en Galicia durante os últimos anos inspirou á Xunta para promover outros programas como o Conecta Pemes, co que o Goberno galego busca trasladar eses beneficios á pequena empresa replicando o mesmo modelo do Innterconecta; ou as Unidades Mixtas de Innovación, que mobilizan 70 millóns de euros atraendo a grandes compañías como Repsol, PSA, Esteve ou Gas Natural Fenosa para innovar en Galicia.

Este compromiso coa innovación, sustentado na confianza do CDTI, defendeu Conde, resulta “clave para impulsar a nosa capacidade industrial, reforzando a transferencia de coñecemento ao mercado galego, potenciando o financiamiento dos nosos centros tecnolóxicos e mellorando a captación de capital privado para I+D+i”.