Conde salienta que a Unidade Mixta de Repsol e Itmati sitúa a Galicia á cabeza da innovación en procesos matemáticos orientados á mellora da competitividade

2015-11-30
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria visita o centro no que están a traballar “unha compañía punteira e un centro pioneiro no coñecemento matemático e industrial”, nun proxecto que xera 15 empregos cualificados
  • Subliña que as distintas liñas de investigación permitirán avanzar no desenvolvemento do vehículo eléctrico e realizar innovacións que reduzan custos e tempos de produción
  • Destaca que este modelo de colaboración público-privada está a permitir ubicar en Galicia 19 centros de coñecemento en sectores estratéxicos da economía

Santiago, 30 de novembro de 2015.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe a Unidade Mixta de Innovación na que están a traballar Repsol e o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial – ITMATI, onde salientou que este proxecto, que conta coa colaboración da Axencia Galega de Innovación, busca “situar a Galicia á cabeza da investigación en métodos e procesos matemáticos centrados na resolución e mellora de problemas na actividade diaria das nosas empresas, que teñen como obxecto final a mellora competitiva”.

Esta iniciativa, explicou o conselleiro, une a “traxectoria e o traballo dunha compañía punteira co labor de investigación dun centro pioneiro no coñecemento matemático e industrial”. Un proxecto que, durante 3 anos, mobilizará un investimento superior aos 2 millóns, xerando 15 empregos de investigación.

Deste xeito, salientou Conde, estanse a desenvolver diferentes liñas de investigación orientadas a optimizar procesos industriais e deseños de carga de sistemas de almacenamento de enerxía, ou a xerar ferramentas de axuda na toma de decisións.

Unhas liñas que, como explicou o conselleiro, terán un “resultado práctico no funcionamento diario das nosas empresas e da nosa sociedade”. Así, o traballo levado a cabo busca incrementar a vida útil das baterías dos vehículos eléctricos e mellorar os seus procesos de recarga, nunha clara aposta pola mobilidade sostible; avanzar na comprensión de complexos fenómenos físicos e químicos; e reducir os erros e as incertezas dos procesos realizados nas factorías galegas, camiñando cara a Industria 4.0. Todo isto permitirá ás industrias reducir custos e tempos de produción.

“Esta é, sen dúbida, outra das grandes posibilidades que presenta o traballo de ITMATI: a adecuación das nosas factorías á fábrica intelixente, especialmente nos sistemas de produción e análise do chamado Big Data”, incidiu Conde, quen apuntou que se trata dunha oportunidade máis de fortalecer e fixar tecido industrial en Galicia.

Deste xeito, proseguiu o titular de Economía, Emprego e Industria, Galicia segue a avanzar nun modelo pioneiro que senta as bases para ubicar na Comunidade centros de coñecemento en sectores estratéxicos da economía: as Unidades Mixtas de Innovación. “Galicia suma nestes momentos 19 proxectos nos que grandes empresas están a unir o seu saber facer á investigación achegada polos nosos centros tecnolóxicos”, apuntou Conde. Un esforzo conxunto que, como salientou, busca en última instancia o incremento de competitividade do tecido produtivo grazas á transferencia do coñecemento.