Conde salienta que o encontro Agrobiotech nace con vocación de continuidade para facer de Ourense un núcleo da innovación dos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa

2015-11-27
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria participa nas primeiras xornadas AgroBiotech Innovación, que nos dous últimos días reuniron na Tecnópole a máis de 400 empresas e expertos internacionais para falar de innovación aberta e manter reunións bilaterais sobre proxectos de futuro
  • Resalta o peso destes sectores no desenvolvemento “social, natural e cultural” dunha Comunidade na que o agroalimentario representa o 7% do PIB e a industria forestal galega suma a metade do recurso dispoñible en España
  • Sinala o papel da biotecnoloxía como tecnoloxía facilitadora de primeiro orden, fundamental para a diversificación da industria galega e o impulso da economía do coñecemento
  • Subliña a importancia do programa AgroBiotech, no que se enmarca o encontro, que ten impulsado itinerarios individuais de innovación en 11 pemes galegas na procura de aumentar un 15% as súas ventas ao exterior e de produtos innovadores

San Cibrao das Viñas (Ourense), 27 de novembro de 2015.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe que o primeiro encontro AgroBiotech Innovación, que se ten celebrado durante os dous últimos días no Parque Tecnolóxico de Ourense – Tecnópole, nace con vocación de continuidade co obxectivo de converter a provincia nun “núcleo da innovación dos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa”.

Neste sentido, o conselleiro resaltou o peso destes sectores no desenvolvemento “social, natural e cultural” de Galicia, sinalando que o agroalimentario representa o 7% do PIB, a industria forestal galega suma a metade do recurso dispoñible en España, e a biotecnoloxía é un dos sectores con maior potencial en termos de creación de valor e competitividade.

Así, Conde valorou o papel clave da innovación para impulsar o seu crecemento. De feito, lembrou, a biotecnoloxía está considerada na Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3 como tecnoloxía facilitadora de primeiro orden, fundamental para a diversificación da industria galega e o impulso da economía do coñecemento. Unha Estratexia que, segundo explicou, atende tamén á modernización do sector primario, á mellora na xestión dos recursos naturais, e ao desenvolvemento de alimentos funcionais para un novo modelo de vida saudable.

Neste contexto, Conde resaltou a importancia do encontro celebrado estes días, que permitiu a máis de 400 empresas e expertos internacionais compartir coñecemento e establecer novos contactos. De feito, as empresas de biotecnoloxía participantes tiveron ocasión hoxe de coñecer novas oportunidades no ámbito da protección de cultivos. Os expertos destacaron que a diversidade de cultivos existentes na Unión Europea facilita atopar múltiples nichos de negocio, tanto para a subministración de produtos como de servizos.

Neste mesmo eido, foron presentados o Programa de Desenvolvemento Precomercial de Resultados de Investigación do Sistema Público de Saúde Galego (PRIS) e varias empresas galegas innovadoras. Health in Code expuxo os seus avances en xenética cardiovasculares, Bialactis presentou os seus novos probióticos e Hifas da Terra e AMS Lab explicaron tamén os seus desenvolvementos máis novidosos.

Pola súa banda, os expertos en agroalimentación destacaron os retos que se abren no sector da agricultura ecolóxica, dado que os estudos apuntan a que nun prazo de entre 10 e 15 anos será a principal fonte de produtos agrícolas. Así, mentres que en España esta vertente supón o 2% do total, por exemplo en Austria alcanza xa o 15%.
Pola súa banda, Oliver Chen, profesor da Universidade Tufts (Boston), destacou os beneficios que os alimentos funcionais presentan na prevención das enfermidades asociadas ao envellecemento, achegando así a perspectiva das tendencias máis novidosas nun dos retos centrais da Estratexia de Especialización Intelixente.

E no campo da biomasa forestal, abriuse unha nova perspectiva centrada no seu aproveitamento como fonte de compostos ou precursores de activos alimentarios, como probióticos ou aditivos. Nesta liña, déronse a coñecer novos materiais desenvolvidos a partir de biomasa para a súa utilización na automoción, co obxectivo de reducir o uso do plástico en favor de opcións novidosas de tipo “eco”, máis sostibles non só a nivel medioambiental senón tamén económico pola redución de custos que conleva.

O programa Agrobiotech

Este encontro, proseguiu Conde, se encadra no marco do programa AgroBiotech, aceleradora da innovación ubicada no propio Parque Tecnolóxico de Ourense – Tecnópole, e no CETAL de Lugo, que durante os últimos meses permitiu a 11 pemes galegas dos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa desenvolver unha folla de ruta individualizada en función das súas necesidades e baixo a titorización dun cualificado equipo de expertos y mentores.

Grazas a este apoio as compañías puideron incrementar o seu potencial innovador, impulsar novos produtos e servizos, e acceder a financiamento a través do programa europeo Horizonte 2020 e os fondos I2C. “O obxectivo era que a implantación efectiva destes itinerarios se traducise en resultados medibles. En concreto, estimamos para os participantes un incremento do 15% na introdución de produtos innovadores no mercado, e doutro 15% nas súas ventas ao exterior”, subliñou Conde.

Ademais, a iniciativa completouse con accións de capacitación abertas a outras empresas destes sectores, que permitiron a un centenar de pemes beneficiarse de formación especializada en innovación e internacionalización; e coa celebración da Lonxa de Investidores Bio, que coa colaboración de Bioga está a axudar aos emprendedores do sector biotecnolóxico a realizar plans de negocio e presentalo a posibles investidores.