A Xunta destaca o papel “imprescindible” das universidades na elaboración e implantación da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia

2015-11-24
  • O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, sinalou hoxe tamén na Conferencia de Reitores das Universidades Españolas que as seis universidades galegas e do Norte de Portugal participaron activamente na elaboración da RIS3 da Eurorrexión, a primeira estratexia de especialización transfronteiriza de toda a UE
  • Varela subliñou que as universidades irán incrementando a súa importancia na capacidade de Galicia de mobilizar capital no marco da RIS3, cun obxectivo de 250 millóns para 2016

Madrid, 24 de novembro de 2015.- O director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela, destacou hoxe en Madrid o papel “imprescindible” das universidades na elaboración e implantación tanto da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) como da estratexia conxunta elaborada no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (RIS3T). No marco dunha charla organizada pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), Varela lembrou a concepción da Xunta sobre a RIS3 como unha visión necesariamente compartida e, neste contexto, explicou que as universidades, “como fonte principal de coñecemento susceptible de xerar innovación, son un eixe indiscutible”.

A RIS3 galega foi deseñada conxuntamente coas tres universidades galegas e cos demais axentes do Sistema Galego de Innovación (empresas, centros tecnolóxicos e de investigación e axentes sociais), considerando o coñecemento achegado por cada un deles en función da súa experiencia. Segundo lembrou Varela, o resultado deste traballo conxunto, no que participaron máis de 240 representantes do Sistema, permitiu identificar as prioridades de innovación para Galicia que permitirán mobilizar máis de 1.600 millóns de euros ata 2020.

O director da Gain, organismo dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, cifrou en 220 millóns de euros a cantidade mobilizada durante este primeiro ano de execución da RIS3 e elevou o obxectivo para 2016 ata os 250 millóns. Segundo expuxo, “o papel das tres universidades galegas irá gañando protagonismo co tempo nesta capacidade de mobilización de capital, xa que a investigación que elas levan a cabo é o xerme do coñecemento que nos estamos a esforzar cada vez máis en transferir ao mercado en forma de innovación e, en consecuencia, maior competitividade para as empresas e crecemento económico para Galicia”.

Os reitores das universidades españolas reunidas hoxe en Madrid tiveron ocasión de coñecer en detalle os tres grandes retos da RIS3 galega: a xestión innovadora de recursos naturais e culturais, o modelo industrial da Galicia do futuro e o novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo. Ademais, Varela explicou os catro grandes eixes de actuación da Xunta para alcanzalos: o impulso da innovación nas pemes, a transferencia de coñecemento, a mobilización de capital privado e a captación e retención de talento.

A primeira RIS3 transfronteiriza

O director da Gain subliñou que o traballo inmediato trala presentación da RIS3 galega coa Administración lusa permitiu que Galicia e Norte de Portugal completasen con éxito o proceso de elaboración da primeira Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza (RIS3T) da Unión Europea (UE).

A estratexia conxunta foi presentada o mes pasado co obxectivo de captar 360 millóns de euros en proxectos de innovación. Segundo expuxo Varela, esta ferramenta compartida permitiralle á Eurorrexión impulsar conxuntamente fortalezas e retos para xerar crecemento económico, emprego de calidade e benestar social a través da innovación.

Seguindo a mesma metodoloxía que a estratexia galega, a RIS3T foi elaborada contando coas achegas de máis de 200 empresas e centros de coñecemento de ambos os dous lados da fronteira, “entre as que figuraban as nosas tres universidades e outras tantas do Norte de Portugal, con capacidades complementarias na maior parte das prioridades establecidas”. Tal e como comentou Varela, as universidades terán un papel especialmente importante para cumplir o obxectivo establecido de poñer en marcha accións coordinadas capaces de captar financiamento procedente do Programa Horizonte 2020 da UE.