Conde salienta o importante papel que está chamado a xogar o naval ferrolán na reindustrialización de Galicia

2015-11-24
  • Destaca a aposta de Navantia polo estaleiro 4.0, materializada na Unidade Mixta que está a desenvolver xunto á Universidade da Coruña co obxectivo de optimizar os procesos produtivos e desenvolver novas ferramentas de automatización
  • Subliña o proxecto do Naval 4.0 que se está impulsar no CIS Galicia para impulsar tecnoloxías de vangarda, optimizar as existentes e captar máis fondos europeos
  • Avoga por “seguir a traballar xuntos” para potenciar a innovación e acadar novos nichos de mercado a través da diversificación

Ferrol, 24 de novembro de 2015.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe, durante a súa intervención nas xornadas técnicas da Fundación Exponav A construción naval. Estado actual e evolución futura, o importante papel que está chamado a xogar o naval ferrolán na reindustrialización de Galicia. “O naval galego, e toda a nosa industria, enfróntase a un enorme cambio tecnolóxico, o que coñecemos como cuarta revolución industrial. Unha reindustrialización que será especialmente relevante en Ferrol, e na que o sector, e concretamente Navantia, están chamados a levar o temón”, incidiu.

Neste sentido, Conde lembrou que “Navantia está tomando o rumbo cara ao estaleiro intelixente”, tal e como demostra a súa participación na Unidade Mixta de Innovación que está a desenvolver xunto a Universidade da Coruña e Axencia Galega de Innovación na procura do estaleiro 4.0.

Este proxecto, explicou o conselleiro, atende a dúas liñas de traballo: a optimización dos procesos produtivos, mediante o estaleiro dixital; e a creación de novas ferramentas para a mellora da automatización e a robotización das técnicas de construción naval. Trátase, subliñou Conde, dun “proxecto de futuro, pero tamén de presente cun “impacto real inmediato” grazas a su aplicación nas próximas Fragatas F-110.

Así mesmo, o titular de Economía, Emprego e Industria destacou o proxecto do Naval 4.0 que se está impulsar no CIS Galicia aproveitando as súas renovadas capacidades. Nesta iniciativa están a participar Navantia, Aglunaga, Aimen, ITG, Soermar, e o Colexio de Enxeñeiros Navais. Todos xuntos, proseguiu Conde, “estamos a dar os pasos necesarios” para desenvolver proxectos que permitan acadar tecnoloxías de vangarda; optimizar as tecnoloxías xa existentes na procura de impulsar a competitividade de estaleiros e industria auxiliar; captar máis fondos europeos; e apostar pola diversificación a través de sistemas de alto valor tecnolóxico.

Neste marco, o conselleiro avogou por “seguir traballando xuntos” –estaleiros, industria auxiliar e administración pública- impulsando a innovación como sinónimo de futuro do sector naval e acadando novos nichos de mercado a través da diversificación. Unha aposta que o estaleiro público xa está a materializar no mercado da eólica off-shore, co desenvolvemento dos proxectos Wikinger e Hywind, ou na reparación de buques GNL, onde Navantia está a consolidar o seu liderado europeo.

Todo este esforzo, apuntou Conde, está a dar os seus froitos permitíndolle a Navantia finalizar o 2015 con máis do 80% de ocupación na ría de Ferrol e máis de 1.200 empregos directos creados para a industria auxiliar na comarca.