Conde avoga pola cooperación público-privada para potenciar a innovación e aproveitar as oportunidades que ofrece o sector biotecnolóxico

2015-11-18
  • Salienta a importancia de sumar as capacidades de empresas, administración e centros do coñecemento, como amosa o proxecto Innopharma que está a permitir avanzar na investigación farmacolóxica de enfermidades non resoltas
  • Destaca o papel da biotecnoloxía na Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3, ata o punto de ser recoñecida como tecnoloxía facilitadora capaz de crear novas liñas de negocio e modernizar outros sectores
  • Resalta as Unidades Mixtas como modelo cooperativo, con 3 proxectos biotecnolóxicos orientados ao desenvolvemento de fármacos contra a dor crónica, á xestión de coidados sociosanitarios e á consecución dunha medicina oncolóxica personalizada
  • Sinala a oportunidade de replicar noutras industrias o modelo de Rozas, no que grandes empresas de aeronáutica buscan converterse en socio tecnolóxico do Goberno galego para constituír un polo industrial e tecnolóxico de avións non tripulados de uso civil

Santiago, 18 de novembro de 2015.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na clausura do II Workshop Innopharma, onde avogou por seguir a impulsar a cooperación público-privada de cara a potenciar a innovación e aproveitar as oportunidades que ofrece o sector biotecnolóxico en Galicia. “O talento e a colaboración permítenos sumar as capacidades de empresas, administración e centros tecnolóxicos e do coñecemento”, salientou Conde, quen puxo como exemplo deste traballo conxunto o propio proxecto Innopharma.

Esta iniciativa, explicou o conselleiro, é o resultado de integrar as capacidades das Plataformas de Xenómica –encabezada polo doutor Ángel Carracedo- y de Cribado de Fármacos –dirixida pola doutora Mabel Loza-. Os primeiros establecen as dianas terapéuticas: lugares das células aos que apuntar para obter unha resposta; e o segundos determinan cales son as moléculas idóneas para acadar o mellor resultado.

“Un esforzo compartido que durante os últimos tres anos permitiunos avanzar nunha investigación farmacolóxica que busca actuar sobre enfermidades non resoltas”, incidiu Conde, quen salientou que o traslado deste coñecemento ao mercado se configura como un dos obxectivos perseguido polas políticas de innovación do Goberno galego. Desta forma, explicou, a aposta pola innovación é clave para aproveitar as oportunidades que se abren nos sectores cun maior potencial de desenvolvemento en termos de creación de valor e competitividade, como é o caso da industria biotecnolóxica.

Neste contexto, o titular de Economía, Emprego e Industria destacou a importancia da biotecnoloxía na Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3, ata o punto de ser recoñecida como tecnoloxía facilitadora capaz de crear novas liñas de negocio e modernizar outros sectores. Así, salientou, a RIS3 permite potenciar a biotecnoloxía como instrumento de apoio no desenvolvemento de produtos e servizos que produzan alimentos de alto valor engadido; aplicar os avances á cadea monte-industria; desenvolver produtos biotecnolóxicos para a medicina e a cosmética; ou aproveitar o labor dos investigadores galegos para situar á Comunidade como provedora da industria farmacéutica.

“A biotecnoloxía é un dos sectores con maior potencial de desenvolvemento en Galicia”, proseguiu Conde. Por este motivo, explicou, a Xunta está a impulsar distintas iniciativas nesta industria, entre as que salientou as Unidades Mixtas de Innovación, que suman 3 proxectos biotecnolóxicos orientados ao desenvolvemento de fármacos contra a dor crónica, á xestión de coidados sociosanitarios e á consecución dunha medicina oncolóxica personalizada.

Este modelo de cooperación público-privada, salientou o conselleiro, está a permitir tamén promover en Galicia o polo industrial e tecnolóxico de avións non tripulados de uso civil. Un proxecto nos que as grandes empresas de aeronáutica buscan converterse en socio tecnolóxico da Xunta, amosando unha “clara vocación de inversión e colaboración a longo prazo” e a posibilidade de extrapolar este modelo colaborativo a outros sectores.