Conde destaca o centro de innovación aeroespacial como unha nova oportunidade para reforzar o sector aeronáutico galego

2015-11-17
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria resalta que a nova iniciativa “se configura como unha oportunidade de diversificación para a industria e o talento galegos”
  • Resalta o lazo entre o aeroespacial e o aeronáutico, e apunta que a entidade recén creada pode servir de apoio para o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas, o núcleo do polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados posto en marcha pola Xunta
  • Subliña a oportunidade que ofrecen ambos sectores para diversificar á industria galega do metal, a mecánica de precisión e os materiais avanzados, e para fixar tecido industrial na comunidade galega
  • Salienta a unidade de acción para a creación da Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, que reúne á UDV, Zona Franca, e empresas como Airbus, Delta Vigo e Udega

Nigrán (Pontevedra), 17 de novembro de 2015.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe que a Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, posta en marcha en Porto de Molle, supón unha nova oportunidade para reforzar ao sector aeronáutico galego. Conde subliñou a unidade de acción entre a Universidade de Vigo –de quen nace esta iniciativa-, Zona Franca, empresas como delta Vigo e Udega, ademais de multinacionais como Airbus, para a creación deste novo centro tecnolóxico, que “se configura como unha oportunidade de diversificación para a industria e o talento galegos contribuíndo a consolidar o sector aeronáutico, que xa ten unha presenza importante na nosa comunidade”.

Conde resaltou o lazo estreito entre os sectores aeroespacial e aeronáutico, e neste senso destacou que a nova entidade será un complemento para o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas, podendo achegarlle carga de traballo para os ensaios que necesitasen de pista de voo, e contribuíndo coas súas liñas de investigación a desenvolver tecnoloxías que poidan ser aplicadas ao polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados. O conselleiro resaltou que no polo tecnolóxico e industrial, no que se están a investir 55 millóns de euros “para poñer a Galicia á vangarda europea do sector”, as multinacionais máis importantes do mundo, entre elas a propia Airbus, teñen presentado as súas propostas para converterse en socio tecnolóxico da Xunta de Galicia.

Conde resaltou ao aeronáutico como xerador de riqueza e alto valor engadido, cunha gran capacidade de arrastre sobre outros sectores industriais e de servizos. Sinalou ademais que este sector necesita de fortes investimentos en innovación e “que está permitindo á industria galega do metal, a mecánica de precisión e os materiais avanzados diversificar o seu traballo, que pode reverter máis tarde, por exemplo en forma de novos composites, na automoción e o naval”. Ademais, subliñou a súa capacidade de xeración de emprego de alta cualificación, proxectando a Galicia como marca para a atracción de investimentos.

O conselleiro referiuse á complementariedade entre o traballo do aeronáutico e o aeroespacial, onde destacou o traballo que ata o de agora ten realizado a Universidadd e Vigo, con fitos como o lanzamento de picosatélites ou a participación nun programa da NASA para desviar a traxectoria dun meteorito. Neste sentido, apuntou a capacidade do aeroespacial para contribuír a traer talento e fixar tecido industrial en Galicia

O Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, dixo Conde, vén ademais a completar a nosa rede de centros tecnolóxicos e de investigación xa que hoxe non existe en Galicia ningún outro centro coa especificidade que require o sector aeroespacial, “e esa singularidade permitirá ao novo centro complementarse co resto, xerando necesidades que poderán ser asumidas por outras entidades como o CTAG, Aimen ou Gradiant”. “En definitiva, hoxe damos un paso importante na configuración dun núcleo de talento e industria” para consolidar a traxectoria de Galicia nun sector emerxente de gran impacto tecnolóxico.